Unha campaña en positivo e unha aposta decidida polo campus CREA, ideas centrais do debate en Pontevedra

Emilio Fernández e Juan Corbacho defenderon as fortalezas dun campus que Jorge Soto, de H2040, cualificou “de segunda división”

O balance dunha campaña “en positivo”, transparente e alonxada do reparto de prebendas, e a aposta decidida polo campus CREA e pola desconcentración foron algunhas das premisas que Emilio Fernández, candidato a reitor da Universidade de Vigo, e Juan Manuel Corbacho, candidato á Vicerreitoría do campus de Pontevedra, destacaron no último debate dunha campaña electoral que finaliza mañá. As reflexións específicas sobre o campus acompañáronse do desglose de medidas nos ámbitos da docencia, a investigación, a xestión e o estudantado.

“Fixemos unha campaña en positivo, sen críticas persoais, sen acritude, pese a escoitar como se difundían polos centros todo tipo de posverdades que non son outra cousa que unha definición eufemística de falsidades. Eu entendo que como estratexia electoral se trate de erosionar a miña traxectoria como xestor, pero deberíamos ser cautos e non erosionar á institución”. Con estas palabras facía Emilio Fernández o balance da campaña electoral que está a piques rematar, unha campaña sen reparto de cargos na que, segundo o candidato, non se tratou de dicir a cada colectivo só o que quería escoitar.

O candidato defendeu a súa xestión á fronte do Campus do Mar, aportando datos precisos sobre o beneficio conseguido para a Universidade de Vigo co campus de excelencia internacional e incidiu na súa vontade de converter a Universidade de Vigo no motor de modernidade e de creación de riqueza de Galicia. Incidiu na súa vocación de servizo público, demostrada na súa xestión anterior en distintos postos e administracións, como impulsora da súa vontade de ser reitor dunha Universidade á que non ten nada que reclamarlle. “Se queredes un reitor que priorice o interese xeral, cun equipo no que tódolos seus membros responden unicamente polas súas persoas, sen padriños, un reitor que ao día seguinte non terá ataduras (…), que non manteña as políticas falidas pero non perda o tempo destruíndo todo o ben feito, se queredes rigor e seriedade, votade Ideas que Suman”, afirmou na súa intervención final.

CAMPUS DE PONTEVEDRA

“Pontevedra vai sumar e vai sumar moito”. Así defendeu Juan Manuel Corbacho o campus para o que se postula como vicerreitor fronte á cualificación de “campus de segunda división” formulada por Jorge Soto, candidato á Vicerreitoría polo colectivo H2040. Corbacho destacou algunhas das fortalezas do campus CREA, como a súa transversalidade, un programa de doutoramento que está a funcionar a pleno rendemento e máxima matrícula ou os máis de 50 premios acadados en diferentes convocatorias por profesorado e estudantado nos últimos anos.

Insistiu, sen embargo, na necesidade de seguir camiñando cara unha agrupación estratéxica que permita aos investigadores do campus ir con garantías a convocatorias e potenciar a relación coa contorna a través de clústeres e redes de empresas.

Emilio Fernández, pola súa parte ” destacou a súa aposta polo campus CREA e pola desconcentración. “Hai moito traballo ben feito no campus de Pontevedra e por este motivo a única persoa do equipo reitoral actual á que lle pedín participar no equipo é Juan Corbacho, actual vicerreitor do campus” afirmou o candidato.

AS MEDIDAS

En relación co estudantado, Emilio Fernández destacou que “algo estamos a facer mal cando o nivel de asociacionismo do estudantado é relativamente baixo. O apoio que están a recibir da universidade é claramente mellorable.” Destacou tamén que “os estudantes non son clientes, non están fóra do sistema e teñen capacidade de decisión”. Formulou medidas para evitar que haxa estudantes que non poden completar o seu proceso formativo por problemas económicos, algo que “nunha universidade pública é absolutamente inaceptable” e presentou un programa de bolsas de colaboración para implicar ao estudantado no labor investigador dos departamentos, destacando, así mesmo, medidas como a mellora das prácticas e a extensión do programa de mentorización para potenciar a empregabilidade.

No ámbito da docencia, o candidato destacou a súa oposición ao decreto Wert e propuxo dedicar unha bolsa de 7500 horas á redución de docencia do profesorado que caeu “na poza” do decreto, co obxectivo de que ningún profesor imparta máis de 240 horas e dispoña de tempo para tarefas de transferencia, divulgación ou innovación educativa.

Con respecto á investigación trazou medidas de apoio para os grupos competitivos, que precisan apoio coa burocracia, para os grupos que deixaron de ser competitivos como consecuencia dos recortes nas convocatorias públicas e para os grupos precompetitivos que precisan un tratamento individualizado.

Abordou tamén a necesidade da optimización dos recursos informáticos e dunha concepción holística da universidade, que pasa por formular unha nova estrutura organizativa, escoitando a todo o persoal de administración e servizos para atopar solucións internas. Resaltou que a figura do xerente, a quen presentou nunha aposta pola transparencia, é a idónea para afrontar este proceso. Lembrou, así mesmo a necesidade dunha actuación política moi decidida para reducir a burocracia procedente de organismos externos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *