Recuperar a ilusión e gañar o futuro, eixos da proposta de Emilio Fernández Suárez para a Universidade de Vigo

O catedrático de Ecoloxía fai pública a súa candidatura a reitor coa presentación da iniciativa Ideas que Suman

“Recuperar a ilusión e gañar o futuro” son as mensaxes clave que o profesor Emilio Fernández Suárez destacou este luns na presentación pública da súa candidatura ás eleccións a reitor da Universidade de Vigo.

O actual director do Campus do Mar deu a coñecer a iniciativa Ideas que Suman, nome elixido para representar a un colectivo que aglutina tanto a persoas que tiveron responsabilidades de goberno na Universidade de Vigo, como a persoas que exerceron unha oposición crítica e outras que ata agora non participaron activamente na xestión universitaria. “Ideas que Suman non é unha iniciativa continuista, de feito ata agora nin é un movemento de oposición a ninguén” afirmou Emilio Fernández.

Segundo o candidato, desde Ideas que Suman “analizamos o pasado con rigor para facer unha diagnose da situación actual e concentramos todos os nosos esforzos en mirar cara o futuro. Sentímonos herdeiros de milleiros de persoas que traballaron con intensidade para que a nosa Universidade contribuíra de xeito significativo ao desenvolvemento da sociedade do sur de Galicia. E sobre esa base, construímos o futuro”.

Baseándose na premisa de “recuperar a ilusión”, Emilio Fernández apuntou diversas liñas de acción a curto prazo, entre as que destacou a necesidade de desenvolver un plan de axilización e simplificación administrativa, unha política de profesorado estable e equilibradora e un plan integral de mellora da docencia, cun impulso dos estudos de posgrao.

O docente incidiu na relevancia de “gañar o futuro” mediante plans de acción en materia de igualdade de xénero e de atención ás necesidades dos colectivos en situación de vulnerabilidade. Destacou tamén a necesidade de vincular Universidade e sociedade, propoñendo a creación dun Foro da Universidade para canalizar a presenza social da Institución e o desenvolvemento dun programa de formación continuada para a cidadanía.

No documento de diagnose presentado, Emilio Fernández mencionou a minimización do público, as restricións financeiras, a mercantilización das universidades e a hiperburocratización como algúns dos problemas aos que debe facer fronte a Institución.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *