Liña estratéxica 9: Universidade da igualdade e do benestar

A Universidade de Vigo débese converter na Universidade da igualdade de oportunidades para todas as persoas, sen que poida existir discriminación algunha por razóns económicas, de etnia, sexo, discapacidade, orientación e identidade sexual, relixión, cultura, extracción social, idade, opinión nin condición ou circunstancia persoal nin social. Camiñar cara á igualdade e erradicar as discriminacións directas e indirectas é a esencia da universidade pública.

É necesario reforzar a acción social da Universidade para o que se procurará a colaboración con outras entidades do entorno. Calquera estudante da Universidade de Vigo deberá ter acceso á totalidade do proceso formativo independentemente da situación económica familiar ou persoal e de calquera outra circunstancia.

Débense atender ás necesidades de colectivos en situación de especial vulnerabilidade por calquera das razóns indicadas e, en particular, por motivos de necesidades educativas específicas.

A política de igualdade de xénero, debe ser transversal e debe pasar da fase de diagnose e sensibilización á da elaboración e aplicación dun plan de acción, baseado nas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades existentes, con medidas concretas, cuantificado economicamente e sometido a un seguimento baseado en indicadores de desempeño significativos. Os plans elaborados débense inserir no Plan Estratéxico da nosa universidade.

Obxectivo 9.1. Converter a Universidade de Vigo nun referente en igualdade, recoñecemento da diversidade e inclusión

Accións

1. Loitar contra as discriminacións polas diferentes causas, desde unha perspectiva integral, asegurar o asesoramento e defensa de persoas da comunidade universitaria vítimas de discriminación, ou acoso sexual ou doutra índole. A atención á incidencia nas situacións de risco de exclusión social, á difusión, divulgación, transferencia de coñecemento e investigación na temática de igualdade, non discriminación e inclusión social será unha prioridade.

2. Elaborar un plan de atención á diversidade, que inclúa actuacións destinadas á inclusión de todas as persoas, baseado no respecto polas diferencias. Realizaranse accións nas que se atenda á diversidade e se loite contra os estereotipos reforzando os dereitos á intimidade e á liberdade de expresión neste campo, integrando estas accións nas políticas de bo goberno da Universidade.

3. Desenvolver programas específicos de emprego para a activación de persoas con diversidades funcionais que teñan presentes as barreiras físicas e sociais que impiden ou dificultan a plena integración destas persoas na comunidade universitaria

4. Establecer canles de cooperación con entidades públicas e privadas cuxos fins se dirixan á igualdade, á non discriminación e á inclusión social.

Obxectivo 9.2. Garantir o acceso de todo o estudantado á totalidade do proceso formativo independentemente da situación económica familiar ou persoal e de calquera outra circunstancia

Accións

1. Executar un protocolo de identificación de estudantado en situación de dificultades económicas sobrevidas en colaboración cos Centros.

2. Revisar a normativa de concesión de axudas e reforzar o número de bolsas destinadas ao estudantado exposto a dificultades económicas sobrevidas.

3. Reforzar o plan de atención a estudantes con necesidades educativas de apoio específico.

Obxectivo 9.3. Desenvolver unha política de igualdade de xénero, que incorpore esta perspectiva de maneira transversal en todas as actuacións da Universidade

Accións

1. Potenciar a Unidade de Igualdade, dirixida por persoas expertas en xénero e políticas de igualdade, mediante a dotación de recursos humanos e económicos, na medida da dispoñibilidade orzamentaria, axeitados a súa finalidade de promover o respecto e a igualdade de dereitos e oportunidades de mulleres e homes no seo da nosa institución.

2. Elaborar e aplicar un plan de acción, baseado nas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades existentes, con medidas concretas, cuantificado economicamente e sometido a un seguimento baseado en indicadores de desempeño significativos.

3. Valorar os proxectos de investigación, innovación ou transferencia en xénero. Recuperar a Cátedra de Estudos Feministas a fin de levar a cabo proxectos de investigación e transferencia con perspectiva de xénero.

4. Promover a elaboración dun plan de formación de profesorado, PAS e estudantes en xénero e políticas de igualdade.

5. Visualizar os logros das alumnas egresadas no seu desenvolvemento profesional para ofrecer referentes positivos de mulleres ao colectivo de estudantes e amosar as achegas das profesoras da Universidade de Vigo e, en particular, as referentes a estudos de xénero.

6. Inserir en plans de acción concretos o protocolo de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual na Universidade de Vigo.

7. Establecer políticas de acción positiva na promoción profesional e garantir unha composición equilibrada en todos os órganos de decisión, avaliación e selección de persoal.

Obxectivo 9.4. Contribuír á conciliación da vida laboral, persoal e familiar

Accións

1. Mellorar a normativa de permisos e excedencias para coidado de maiores e de menores, coa finalidade de favorecer a conciliación da vida laboral e persoal de PAS, PDI e estudantes, e posibilitar a corresponsabilidade familiar e a carreira profesional ou educativa.

2. Mellorar os dereitos de presenza das persoas PDI, PAS e estudantes con responsabilidades familiares nas cadansúas obrigas laborais e formativas mediante medidas acaídas: adaptación dos tempos, servizos e axudas para que o cumprimento das mesmas lles sexa posible e non lles produza cargas desproporcionadas. Neste contexto, adoptaranse medidas de acción positiva a prol das mulleres.

3. Incorporar en todas as convocatorias da universidade unha compensación temporal nos méritos curriculares equivalente ou maior que o permiso por maternidade ou paternidade, posibilidade xa contemplada nos complementos de excelencia da Xunta e nalgunhas convocatorias da Administración General del Estado. Avaliarase a posibilidade de ampliar a licenza maternal en dous meses máis con cargo aos presupostos da universidade.

4. Avaliar a viabilidade de estender o Campus Camp ao período de vacacións de decembro, primavera e sábados pola mañá.

5. Promover a creación dunha escola infantil no Campus de Vigo, semellante ás existentes nos campus de Ourense e Pontevedra. Fomentar acordos con escolas infantís, centros de día e residencias de maiores.

6. Crear salas de lactancia en todos os centros en condicións dignas.

7. Estender a axuda social da universidade á maternidade e paternidade a todos os sectores e categorías.

Obxectivo 9.5. Converter a Universidade nun axente promotor dun estilo de vida activo e saudable, en particular mediante o compromiso coa práctica de actividade físico-deportiva

Accións

1. Poñer en marcha un programa integral que coordine as accións que se están a desenvolver neste ámbito nas áreas e servizos da Universidade de Vigo, como as de Benestar, Saúde e Deporte, Prevención de Riscos Laborais, Gabinete Psicopedagóxico, Igualdade, Oficina de Medio Ambiente, así como con comedores, residencias, mobilidade, etc.

2. Adaptar os menús dos comedores universitarios a unha vida máis saudable e a necesidades especiais.

3. Reforzar o programa de vixilancia da saúde dotándoo dos recursos humanos necesarios para o seu correcto funcionamento, dentro das posibilidades orzamentarias.

4. Desenvolver plans de acción dirixidos á mellora da actitude cara ás actividades físico deportivas e facilitar ambientes favorables de promoción de saúde e de actividade física, dotando aos campus dos recursos necesarios para a promoción da actividade física e do deporte dun xeito regular.

5. Incentivar a capacidade de liderado das delegacións de alumnas e alumnos dos centros, para que constitúan seccións de actividade física e deportiva, facilitando e apoiando o desenvolvemento das actividades propostas por estas seccións.

6. Desenvolver políticas de acción afirmativa cara aos colectivos máis vulnerables no que a práctica físico-deportiva se refire.

7. Potenciar as actividades físicas no medio natural, mediante o reforzo dos programas Augaventura, Delecer e Rutas Culturais.

8. Reforzar o programa de “Centros Deportivos Abertos” mediante acordos con ximnasios e centros deportivos das cidades e vilas do territorio de influencia da Universidade.