Liña estratéxica 8: Internacionalizar a Universidade, internacionalizar o noso estudantado

Como universidade pública, que ten que atender preferentemente á sociedade próxima, débese facer un esforzo importante na internacionalización das nosas e dos nosos estudantes, abrindo o maior número posible de programas de mobilidade internacional e dando alternativas ós que, por motivos económicos ou doutra índole, non poden acceder á realización de estudos en países estranxeiros.

É preciso reforzar, polo tanto, a internacionalización do estudantado na propia universidade favorecendo a presenza de alumnas e alumnos estranxeiros nas nosas aulas e mediante a intensificación dos itinerarios en linguas estranxeiras e a internacionalización do currículo en todas as titulacións.

Obxectivo 8.1. Profundar na internacionalización do estudantado

Accións

1. Adoptar coma referencia o Documento Marco de Política Lingüística para a Internacionalización do Sistema Universitario Español aprobado por unanimidade por todas as universidades pertencentes á CRUE e manter a posición de liderado que a nosa universidade ten no ámbito da política lingüística a nivel estatal.

2. Facilitar ó estudantado a adquisición dun nivel B1 nalgunha lingua estranxeira ó longo do período dos seus estudos de grao, sempre en liña co documento marco arriba mencionado.

3. Avanzar no plurilingüísmo na docencia. Aumentar o número de materias impartidas en linguas estranxeiras, fomentando que en determinadas titulacións se chegue a impartir un curso completo noutra lingua.

4. Aumentar os cursos de formación en linguas estranxeiras para o profesorado, e un maior volume de acreditacións de nivel do persoal docente. Fomentar a participación do profesorado mediante recoñecementos en POD, en particular no curso de implantación da materia.

5. Favorecer a implantación de titulacións online ou semipresenciais de carácter internacional, principalmente no correspondente á formación de mestrado.

6. Ter en conta a todos os efectos na organización docente (PDA, POD) ao estudantado estranxeiro matriculado nos nosos centros no marco de programas de intercambio.

7. Fomentar o plan de internacionalización poñendo a disposición dos centros o persoal de apoio necesario en función das necesidades de cada centro, que colaborarán co persoal encargado de Relacións Internacionais.

8. Manter e potenciar o programa ODIE, con materias só para o estudantado de programas de intercambio.

9. Establecer medidas de difusión e axuda para o estudantado na procura de prácticas profesionais internacionais no eido do programa Erasmus+, e construír unha base de datos de empresas internacionais dos distintos sectores de interese para as titulacións da Universidade de Vigo.

10. Potenciar e por en marcha novas medidas de internacionalización en casa, como por exemplo a través de materias COIL.

Obxectivo 8.2. Facilitar ferramentas de apoio lingüístico á comunidade universitaria

Accións

1. Ofrecer formación específica a toda a comunidade universitaria, estudantado, PAS e PDI, en competencias de linguaxe oral e escrita académica.

2. Continuar o desenvolvemento do Centro de Linguas, garantindo a elevada calidade docente do mesmo, mellorando as condicións laborais do profesorado propio do Centro e recoñecendo axeitadamente a actividade do profesorado do cadro de persoal da universidade que poida colaborar nas actividades do centro. Facilitar a súa formación e adaptación ós requisitos de calidade de ACLES.

3. Aumentar o catálogo de cursos de formación en linguas (p. ex.: alemán, chinés, portugués) e fomentar o emprego de plataformas de e-learning para a impartición destes cursos.

Obxectivo 8.3. Aumentar a oferta de títulos con compoñente internacional

Accións

1. Fomentar a creación de convenios de dobre titulación internacional. Compre neste senso traballar con especial énfase no ámbito Europeo e nas rexións onde a situación xeográfica e lingüística sexa máis favorable.

2. Progresar no establecemento de alianzas estratéxicas docentes con institucións estranxeiras, aproveitando colaboracións xa existentes. Fomentar en particular a colaboración no espazo da lusofonía coas universidades portuguesas e da África lusófona.

Obxectivo 8.4. Potenciar a actividade da Oficina de Relacións Internacionais

Accións

1. Reforzar os recursos humanos na Oficina de Relación Internacionais dedicados á procura de programas e realización de solicitudes de proxectos internacionais, entendendo a importancia do seu labor de apoio ós investigadores facilitando oportunidades de participación en consorcios e propostas de proxectos internacionais.

2. Reforzar a participación nas distintas Accións Erasmus+. Cómpre incidir nos programas Erasmus+ KA2 Strategic Partnerships for Higher Education e CBHE Capacity Building no que a institución se atopa moi ben posicionada.

3. Potenciar “equipos tándem” (alumnado español que colabore na atención a alumnado estranxeiro e que busquen intercambios de conversación nas súas respectivas linguas) que xa a ORI lanzou hai anos. Dotar de estrutura a estes equipos e establecer os correspondentes recoñecementos de créditos á participación dos estudantes.

Obxectivo 8.5. Fomentar a cooperación internacional para o desenvolvemento

Accións

1. Fomentar e apoiar á elaboración de proxectos de cooperación internacional para o desenvolvemento, especialmente nas áreas xeográficas de interese estratéxico para a Universidade como, por exemplo Sudamérica, América Central e a África Lusófona.

2. Impulsar proxectos de cooperación ao desenvolvemento institucionais liderados polos diferentes campus de especialización, centros, departamentos, unidades, etc. da universidade