Liña estratéxica 7: Apoio á investigación e á transferencia: unha Universidade con capacidade de atraer talento

A Universidade debe definir a súa estratexia de investigación a longo prazo, identificando as súas fortalezas, debilidades e as liñas de investigación estratéxicas, especialmente nos campus de especialización e centros e agrupamentos de investigación. É preciso fomentar a internacionalización e transferencia dos centros de investigación singulares, agrupamentos estratéxicos e grupos de investigación consolidados.

Débese prestar apoio a grupos precompetitivos ou en risco de perda de competitividade co obxectivo de manter a súa actividade investigadora. É necesario “rescatar” ao persoal investigador de todos os ámbitos, que, desenvolvendo un traballo de calidade, se atopa nestes momentos en situacións límite debido ao descenso dos fondos de investigación dispoñibles a todos os niveis e, en especial, nas áreas xurídicosociais, de artes e de humanidades.

O impulso da transferencia de coñecemento mediante o fomento da creación de empresas de base tecnolóxica e a posta en marcha de polos de transferencia e innovación sectoriais será unha prioridade da acción de goberno.

Por outra parte, a calidade das universidades é o resultado do traballo das persoas que nela desenvolven a súa actividade. Polo tanto, a incorporación e a consolidación na nosa universidade de profesionais da máxima excelencia docente e investigadora debe ser un obxectivo prioritario da nosa institución. É preciso deseñar e poñer en marcha instrumentos que permitan a captación e retención de profesionais de relevancia internacional que mellorarán a proxección internacional da nosa universidade.

Obxectivo 7.1. Apoiar a investigación na nosa Universidade

Accións

1- Proporcionar apoio aos grupos de investigación consolidados da universidade na elaboración de proxectos altamente competitivos e a través do cofinanciamento de persoal técnico de apoio.

2- Poñer en marcha plans de acción individualizados de intensificación da investigación en grupos precompetitivos en todos os ámbitos, en especial, no xurídicosocial, nas artes e nas humanidades.

3- Desenvolver contratos-programa de pequena contía destinados a grupos produtivos que non dispoñan de financiamento na actualidade. Crear unha convocatoria de axudas-ponte para grupos que solicitan Proxectos de investigación competitivos (Axudas de Consolidación da Xunta de Galicia, Plan Estatal, Europeos) que estando ben cualificados non obteñan financiamento.

4- Fomentar a participación en convocatorias de proxectos distintas ás habituais (Plan Estatal), con especial énfase nas convocatorias europeas, reforzando o persoal técnico de apoio existente na actualidade para tal fin.

5- Reorganizar o Servizo de Apoio á investigación e definir claramente as funcións coa vista posta na especialización do seu persoal.

6- Impulsar o aumento do número de grupos de referencia e de potencial crecemento mediante a identificación de sinerxías e potenciais colaboracións que dean lugar á creación de grupos coa dimensión necesaria para participar con éxito nas convocatorias de financiamento.

7- Avaliar o actual catálogo de servizos tecnolóxicos, de investigación e comunicación para racionalizar e optimizar o seu uso.

8- Revisar os criterios de avaliación da produción científica á realidade das áreas dos diferentes ámbitos, en especial aos de Humanidades, Artístico e Xurídico-Social.

9- Aumentar os incentivos á publicación de artigos en revistas de alto impacto.

10-Redefinir o servizo de publicacións potenciando a edición dixital e aumentando as oportunidades naquelas áreas con dificultades para a publicación de traballos en inglés.

11-Mellorar as capacidades de divulgación da Universidade e a súa consideración na sociedade mediante a recuperación da Unidade de Cultura Científica, propiciando as sinerxías entre ámbitos e áreas.

Obxectivo 7.2. Potenciar os Centros Singulares e os Agrupamentos Estratéxicos de investigación

Acción

1- Fomentar a definición de obxectivos concretos nos Centros Singulares e Agrupamentos que vaian alén do sumatorio das liñas de investigación dos grupos que forman os centros. Estes deberán procurar a optimización dos recursos, a internacionalización mediante a alianza con centros de referencia internacional e a captación de talento da máxima calidade. Esta acción debería permitir optar a convocatorias tales como María de Maeztu ou Severo Ochoa.

Obxectivo 7.3. Captar e reter talento investigador de calidade

Accións

1- Incorporar investigadoras e investigadores sobresaíntes tanto nacionais (ex. procedente do programa “Ramón y Cajal”) coma internacionais, a través dun programa activo de captación que contribúa a reforzar tanto os ámbitos de especialización da universidade como aqueles que aínda se atopan en posición precompetitiva.

2- Retomar o programa de retención de talento mediante a convocatoria de contratos postdoutorais de a lo menos tres anos de duración co obxectivo de favorecer a participación das investigadoras e investigadores postdoutorais máis salientables en convocatorias como “ERC Starting Grant”, “Ramón y Cajal”, e similares, ou na propia oferta pública de emprego da Universidade.

Obxectivo 7.4. Fomentar a transferencia de coñecemento

Accións

1. Elaborar un plan de promoción e marketing das capacidades de I+D da universidade, coa finalidade de comunicar á sociedade a vocación de responder ás necesidades de innovación social, empresarial e industrial da nosa contorna.

2. Establecer colaboracións con institucións e coa contorna socioeconómica, alén dos que manteñen os grupos e que se reflicten en contratos e proxectos colaborativos. A relación cos clústeres, agrupacións e empresas resulta crucial para que a nosa universidade se converta nun importante aliado estratéxico.

3. Analizar, avaliar e, no seu caso, reorientar, a colaboración entre a Universidade e os Centros e Plataformas Tecnolóxicas de cara a optimizar o rendemento das accións conxuntas desenvolvidas para as organizacións e institucións participantes.

4. Crear un fondo propio de financiamento para apoiar os resultados da investigación para probas de concepto e maduración de resultados, que permitise a utilización do coñecemento na contorna socioeconómica.

5. Potenciar as cátedras Universidade-empresa-institución existentes e fomentar a creación de novas cátedras destas características.

6. Deseñar e executar unha estratexia específica de transferencia de coñecemento nos ámbitos humanístico, xurídico-social e artístico que sexa capaz de potenciar estas áreas, identificar oportunidades e cubrir as necesidades da nosa sociedade nestes eidos.

7. Realizar apoio personalizado cos recursos necesarios, dende a Oficina de I+D, aos grupos de I+D para orientar as súas actuacións de transferencia.

8. Deseñar unha estratexia de valorización e explotación de resultados que favoreza a correcta utilización da figura de licenciamento e, especialmente, a creación de spin-off como vía para a xeración de emprego cualificado e explotación do coñecemento.

9. Coordinar as accións dos diferentes instrumentos dispoñibles no ámbito da transferencia (Oficina I+D, FEUGA, Xestores de transferencia dos Centros Singulares e Agrupamentos Estratéxicos, etc.) de cara a aumentar o contacto con empresas e ofrecerlles os servizos dos grupos de investigación.

10. Optimizar e facer máis eficiente o proceso de revisión de contratos con empresas e axilizar a xestión administrativa dos contratos de I+D con empresas habilitando, de ser necesario, a xestión dos mesmos a través da Fundación Universidade de Vigo unha vez modificadas as súas funcións.