Liña estratéxica 6: Apoio ao estudantado e á súa empregabilidade

O conxunto de estudantes é prioridade máxima e razón de ser da universidade. Por esa razón fundamental, o estudantado debe ter unha participación especialmente activa no desenvolvemento das políticas universitarias e deben ser obxecto dunha especial atención. A concepción do estudantado como cliente é o produto dunha concepción mercantilista claramente lonxe da súa primixenia razón de ser como servizo público dedicado á xeración e transmisión do saber. Sen dúbida, a universidade debe xerar persoal cualificado para o sistema económico, pero o seu obxectivo prioritario é formar persoas con capacidade de análise crítica, preparadas integralmente para a súa responsabilidade cívica nunha sociedade democrática. A formación dunha cidadanía para a democracia é compatible coa formación do estudantado nas competencias profesionais das correspondentes áreas de coñecemento. É necesario, por tanto, crear novos programas de formación complementaria que aborden esta limitación mediante o fomento da formación transversal inter-ámbitos de coñecemento, así como a incorporación das e dos estudantes ó proceso de xeración de coñecemento e de impulso da innovación dende as primeiras fases do seu proceso formativo. Nesta mesma liña, a inserción laboral debe constituír tamén un obxectivo prioritario das universidades.

 

Obxectivo 6.1. Formación integral do estudantado

 

Accións

  1. Revisar o regulamento de avaliación, cualificación e calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado da Universidade de Vigo.
  2. Elaborar e poñer en marcha un plan de desenvolvemento de capacidades culturais, artísticas, sociais e deportivas.
  3. Impulsar un programa de acompañamento e axuda académica, administrativa e xurídica ao conxunto de estudantes para a resolución de problemas ou dificultades nas relacións con outras institucións.
  4. Implantar un plan de fomento da igualdade, diversidade e inclusión co desenvolvemento de actividades formativas e a inclusión transversal nos programas formativos de competencias e valores como a responsabilidade, a tolerancia, o espírito crítico, o rigor e o compromiso social.
  5. Fomentar a participación do estudantado en programas de voluntariado.
  6. Incrementar o recoñecemento e apoio ás organizacións estudantís e a difusión das súas actividades.

 

 

Obxectivo 6.2. Incremento da participación activa nas políticas universitarias

 

Accións

  1. Poñer en marcha o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo.
  2. Desenvolver mecanismos de visibilidade institucional dos representantes de estudantes.
  3. Fomentar a participación de estudantes de recente ingreso en órganos representativos (delegación de estudantes, xunta de centro…).
  4. Fomentar o asociacionismo estudantil e apoiar a participación en asociacións e órganos de representatividade estudantil interuniversitarios.
  5. Manter a ligazón dos egresados/as coa Universidade para compartir coñecementos e capacidades.

 

Obxectivo 6.3. Reforzo da acción social para as e os estudantes

 

Accións

  1. Posta en marcha dun plan para atender as necesidades de colectivos en situación de especial vulnerabilidade e, en especial, por motivos de necesidades educativas específicas.
  2. Desenvolver mecanismos de garantía para que calquera estudante da Universidade de Vigo teña acceso á totalidade do proceso formativo independentemente da situación económica familiar ou persoal e de calquera outra circunstancia sobrevida.

 

Obxectivo 6.4. Impulso da empregabilidade

 

Accións

  1. Reforzar e estender o plan integral de empregabilidade dos e das estudantes da Universidade de Vigo sustentado no reforzo das prácticas preprofesionais, das feiras de emprego, da formación complementaria en competencias transversais e da orientación profesional.
  2. Reforzar e estender os plans de mentorización de pares, xa desenvolvidos nalgúns centros, así como a mentorización externa. O fomento da mentorización promoverase nas diferentes etapas: acollida, titulación de grao, e preprofesional cara ó emprego. Procurarase o cofinanciamento deste plan nas institucións e nos axentes económicos.
  3. Desenvolver a plataforma centralizada de xestión das prácticas con empresas como ferramenta central que recolla a totalidade da oferta de prácticas da universidade.
  4. Incrementar de xeito substancial a oferta de prácticas preprofesionais para o estudantado e egresados recentes e aprobación dunha nova normativa de prácticas preprofesionais, con procedementos de seguimento no que participen as titorías e as empresas.
  5. Desenvolver un Programa de Bolsas de Colaboración propias da Universidade de Vigo para estudantado de grao e posgrao que permita o desenvolvemento de proxectos innovadores desenvolvidos nos grupos de investigación. Márcase como obxectivo que 600 estudantes gocen destas bolsas ao longo dos próximos catro anos.
  6. Desenvolver programas de colaboración entre mestrados ou agrupamentos de mestrados e empresas orientados á incorporación do estudantado á actividade profesional.
  7. Poñer en marcha un servizo de asesoramento ao estudantado para a elaboración de solicitudes de bolsas/contratos predoutorais.
  8. Proporcionar asesoramento para a realización do primeiro contrato en prácticas aos egresados recentes.
  9. Impulsar os programas de formación para o emprendemento no ámbito universitario, como Incuvi-Emprende, desenvolvendo campañas de acompañamento e orientación do noso estudantado e titulados incorporados a estes programas e fortalecendo a colaboración con entidades da contorna envolvidas no eido do emprendemento.
  10. Avaliar a posibilidade de aproveitar a experiencia do estudantado senior da universidade de cara ó desenvolvemento de actividades orientadas ao asesoramento e a inserción laboral do estudantado.