Liña estratéxica 5: Mellora da docencia: formación para unha cidadanía crítica e capacitada profesionalmente

O obxectivo da universidade é formar persoas con capacidade de análise crítica e formación integral para a súa acción nunha sociedade democrática. A formación dunha cidadanía para a democracia é compatible coa formación do estudantado nas competencias profesionais das correspondentes áreas de coñecemento.

 

Para acadar este obxectivo a Universidade de Vigo apoia o desenvolvemento dun plan de mellora da docencia que contemplará a revalorización do labor docente, o deseño dun programa de formación do profesorado e dunha nova política de innovación educativa, o impulso dos estudos de posgrao e a posta en marcha dun programa de formación transversal. Cómpre ter presente que o destinatario da docencia é o colectivo de estudantes e que a finalidade dos procesos de ensino é a aprendizaxe.

 

É prioritario apostar por unha política de estudos de posgrao encamiñada á diferenciación da Universidade mediante a identificación e potenciación de estudos de interese estratéxico. Esta aposta debe contemplar tanto unha mellora do financiamento da docencia como un maior apoio administrativo para a xestión dos estudos de posgrao.

 

É necesario deseñar e poñer en funcionamento un plan de formación transversal para o estudantado, o profesorado e o persoal de administración e servizos que asegure unha formación integral de toda a comunidade universitaria. É preciso elaborar e aplicar un ambicioso programa que fomente o debate e a transferencia de coñecemento inter-ámbitos co obxectivo de fomentar a capacidade crítica da comunidade propiciando o seu medre cultural.

 

Obxectivo 5.1. Establecer unha estratexia de titulacións universitarias e formación propia e abordar a renovación da organización académica

 

Accións

  1. Defender dende a Universidade de Vigo a continuidade de todas as titulacións de Grao existentes que teñen demanda. Esta defensa será aínda máis decidida no caso daqueloutras que posúen unha demanda menor, pero están a desenvolver plans estratéxicos que aspiran á consolidación da titulación.
  2. Avaliar e actualizar a planificación docente para graos e mestrados universitarios.
  3. Identificar e potenciar estudos de posgrao, doutoramento e títulos propios de interese estratéxico para a Universidade de Vigo.
  4. Potenciar a implicación dos Centros na coordinación dos títulos de Grao e Mestrado que se imparten neles. Analizar e negociar as propostas que sobre a organización docente dos títulos xurdan dos equipos directivos dos Centros de cara a mellorar a docencia e adaptala ás necesidades formativas. Estas propostas poderán abranguer aspectos como o número de créditos, tratamento dos TFG/TFM, plans de internacionalización, etc.
  5. Deseñar e executar un plan de modernización dos equipamentos docentes da universidade a curto e medio prazo e priorizar o incremento do financiamento da docencia, dentro das posibilidades que ofreza o marco orzamentario.
  6. Comprometer o financiamento para a posta en marcha das titulacións de nova implantación mediante unha axeitada planificación dos investimentos necesarios para acadar unha docencia de calidade.
  7. Garantir o dereito do estudantado para participar nas ensinanzas tanto teóricas como prácticas independentemente de que estes sexan de primeira matrícula ou de segundas e sucesivas matrículas.
  8. Defender a equiparación dos prezos públicos das ensinanzas de mestrado que habiliten para o exercicio de actividades profesionais e aquelas que habilitan para o exercicio de profesións reguladas en España, cos prezos públicos dos estudos de grao.
  9. Mellorar o apoio administrativo aos Graos e Mestrados a través das unidades de xestión nos centros.
  10. Revisar o grao de presencialidade e adaptar a distribución en grupos, segundo a metodoloxía docente, respectando as posibilidades orzamentarias. Consideraranse as diferenzas existentes entre campus, ámbitos, centros, áreas e, mesmo, entre distintas titulacións que coexisten no mesmo centro pero con diferenzas salientables.
  11. Explorar vías que faciliten a simultaneidade dos estudos de máster coa realización do Traballo de Fin de Grao e establecer medidas para que o estudantado se poida matricular do TFG/TFM cando estea en condicións de proceder á súa defensa.
  12. Estreitar as relacións institucionais coas outras universidades, en particular no caso dos mestrados interuniversitarios no ámbito do SUG, a fin de conseguir acordos marco que axuden na aproximación das condicións (matrícula, calendario, plataformas virtuais de ensino…) e na homoxeneización dos indicadores empregados nos procesos de seguimento e acreditación das titulacións.
  13. Redefinir a EIDO como un centro de xeito que sexa recoñecible polo estudantado de doutoramento como o seu lugar de acollida e referencia na universidade.
  14. Renovar e actualizar no marco dos novos estatutos a normativa de Títulos Propios.
  15. Ofrecer formación especializada a institucións e empresas que o demanden mediante o establecemento dos convenios correspondentes.
  16. Potenciar o programa para maiores da Universidade dotándoo dunha estrutura organizativa axeitada ó seu interese estratéxico e a súa magnitude en termos de número de persoas matriculadas. Fomentar a internacionalización do programa mediante a participación en convocatorias do programa Erasmus ou equivalentes.

 

Obxectivo 5.2. Revalorizar o labor docente e apostar pola innovación educativa como promotor de cambios nas prácticas educativas

 

Accións

  1. Deseñar e executar un plan integral de formación do profesorado que inclúa un itinerario formativo que teña en conta as diferentes situacións do colectivo de PDI, que aborde aspectos xerais tales como formación en competencias docentes, metodoloxías ou avaliación, e tamén aspectos específicos referidos a diferentes ámbitos e áreas de coñecemento.
  2. Deseñar e poñer en marcha un plan de innovación educativa encamiñado ao desenvolvemento de accións e intervencións educativas que faciliten unha mellora dos procesos de aprendizaxe do colectivo de estudantes.

 

Obxectivo 5.3. Mellorar os procedementos de avaliación da calidade docente do profesorado

 

Acción

  1. Revisar o programa DOCENTIA mediante un proceso de análise, debate e negociación, que conduza ao establecemento de criterios acordados maioritariamente e que permitan unha avaliación efectiva da calidade docente.

 

Obxectivo 5.4. Avanzar na formación integral do colectivo de estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos

 

Acción

  1. Deseñar e executar un plan de formación transversal que facilite o debate e a transferencia de coñecemento inter-ámbitos co obxectivo de fomentar a capacidade crítica da comunidade propiciando o seu medre cultural.