Liña estratéxica 4: Unha política de profesorado estable que procure o relevo xeracional

O Persoal Docente e Investigador é o motor principal de xeración e transmisión de coñecemento que permite á Universidade de Vigo alcanzar a súa misión na sociedade. Somos conscientes de que os últimos anos foron especialmente complicados para o PDI da nosa universidade. Aínda nestas circunstancias adversas, o PDI da Universidade de Vigo desenvolveu as súas funcións con dedicación e responsabilidade. É necesario avaliar a situación presente do profesorado da Universidade de Vigo mediante a posta en marcha dun programa de atención individual que permita que este sexa escoitado, as súas demandas avaliadas, os problemas principais identificados, así como as posibles solucións, co obxectivo de incrementar a identificación do profesorado coa institución á que pertence.

Ao igual que no caso do PAS, o PDI sufriu unha perda de poder adquisitivo nos últimos tempos. Será unha prioridade de goberno esixir ás administracións correspondentes a apertura de negociacións para recuperar este poder adquisitivo.

As restricións financeiras tiveron como consecuencia un desequilibrio estrutural entre as necesidades docentes e investigadoras e os recursos humanos necesarios para garantir a súa calidade. O antedito é particularmente relevante no contexto actual, dado que nos últimos tempos a situación económica impediu desenvolver unha política de profesorado que contemplara a planificación a medio e longo prazo que sería desexable.

Neste novo escenario, é preciso levar a cabo unha política estratéxica de planificación dos cadros de profesorado. Esta política debe afrontar a substitución xeracional do persoal coa necesaria previsión e tamén definir con claridade a carreira profesional do PDI. Esta política debe ser un elemento central do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo. E no contexto desta estratexia é necesario implementar algunhas accións prioritarias dirixidas a reducir os impactos máis graves que tivo sobre o profesorado o actual marco legal e orzamentario.

Ao mesmo tempo, débense xestionar de forma sensata os recursos, o que require que todas as medidas sexan cuantificadas economicamente e avaliadas dende o punto de vista da súa viabilidade.

Xa que logo, débese deseñar e desenvolver unha política de profesorado estable que contemple tres eixos principais:

  • A definición de obxectivos de crecemento específicos por ámbitos, que conduzan á posta en marcha de políticas tendentes ó equilibrio entre eles.
  • A adopción consensuada de criterios de promoción estables a longo prazo. Estes criterios deberían contemplar, polo menos, a antigüidade na acreditación e a excelencia docente e investigadora do profesorado.
  • A análise integral da actividade docente, investigadora, de transferencia e de xestión que o PDI desenvolve.

 

Obxectivo 4.1. Deseñar unha política estratéxica de planificación do PDI da Universidade

 

Accións

  1. Analizar as necesidades estruturais dos cadros de profesorado atendendo a criterios obxectivos relativos á carga docente, envellecemento e equilibrio entre as diferentes figuras e categorías de profesorado. Fundamentar as políticas de PDI nesa análise estrutural por áreas de coñecemento e/ou ámbitos.
  2. Poñer en marcha políticas tendentes a equilibrar os ámbitos a través da elaboración dun plan de choque para a redución dos desequilibrios docentes.

 

Obxectivo 4.2. Definir o modelo de progreso profesional das diferentes figuras de PDI

 

Accións

  1. Establecer procedementos e criterios de promoción e funcionarización consensuados e estables. Planificar e ordenar a transición entre as diferentes categorías do PDI.
  2. Reservar dentro da oferta pública de emprego da Universidade un número de prazas independentemente das necesidades docentes, para investigadoras e investigadores postdoutorais. A tal fin, estableceranse uns criterios claros, esixentes e permanentes que permitan ofrecer unha opción de consolidación a ese persoal.
  3. Axustar a figura do profesorado asociado á súa definición legal e mellorar o seu tratamento en canto ás súas condicións laborais.

 

Obxectivo 4.3. Procurar unha carga docente que permita unha dedicación equilibrada do PDI ás súas actividades e facilitar que o PDI teña unha carga docente máxima de 240 horas

 

Acción

  1. O profesorado con intensificacións Docente Intermedia (280 horas) ou Docente (320 horas) poderá reducir a súa carga docente ata as 240 horas presenciais. Esta reducción irá vinculada á participación nun contrato-programa asociado á consecución de obxectivos específicos, propostos polo PDI, que se poderán referir a actividades de investigación, transferencia, docencia de calidade ou innovación docente, a desenvolver nun período anual ou bienal. O programa estará dotado, polo menos, con 7500 horas de docencia.

 

Obxectivo 4.4. Identificar e recoñecer a dedicación da actividade docente, investigadora, de transferencia e de xestión do PDI

 

Accións

  1. Ter en conta a actividade docente, investigadora, de transferencia e de xestión desempeñada polo PDI valorando a súa verdadeira dedicación horaria. Empregar criterios obxectivos non restrinxidos aos sexenios.
  2. Incorporar un factor de corrección no cómputo de horas para ter en conta a diferenza de carga de traballo que representa traballar con grupos numerosos de alumnado ou en diferentes campus, centros ou sedes.
  3. Revisar a política de recoñecementos, mantendo as bolsas de centro para potenciar a súa autonomía e atender ás características particulares de cada contexto.
  4. Ofertar aos centros a posibilidade de incluír TFG, TFM e Prácticum como computables no POD.