Liña estratéxica 3: Unha política de PAS para unha Universidade eficiente

O Persoal de Administración e Servizos é a forza que permite o funcionamento da Universidade de Vigo e polo tanto permite alcanzar a súa misión na sociedade. Non se pode construír unha Universidade de calidade se a administración e os servizos non funcionan axeitadamente. E non se pode concibir o éxito nesta tarefa sen contar cun persoal de administración e servizos motivado, formado e organizado adecuadamente.

Tendo en conta a relevancia do PAS no desenvolvemento da misión da universidade é necesario formular unha política de PAS que afronte o relevo xeracional dos cadros de administración e servizos coa necesaria previsión, tendo presente que a súa substitución require unha programación deseñada con suficiente anticipación. Este debe ser un elemento central do Plan Estratéxico da universidade.

Vimos dunha aprobación da nova RPT complexa. Comprometémonos a unha aplicación non traumática da RPT e a realizar as modificacións puntuais que sexan precisas logo da súa negociación de boa fe nas mesas correspondentes. A política de revisión da RPT ten que estar centrada nunha adaptación permanente. Entendemos a RPT como un instrumento dinámico, non ríxido, en constante adaptación. As prazas correspondentes a persoal funcionario, a valoración dos postos de traballo e as súas consecuencias retributivas, o incremento, no seu caso, de postos de traballo, deben ser cuestións abertas nas mesas de negociación.

A perda de poder adquisitivo dos salarios foi unha constante ao longo dos últimos anos. Esixir ás administracións correspondentes a apertura de negociacións para recuperar este poder adquisitivo será unha prioridade de goberno.

A Universidade de Vigo conta cun colectivo de PAS con ampla experiencia que debe ser escoitado e que debe participar en todas as decisións que afecten as súas condicións de traballo.

 

Obxectivo 3.1. Mellora da política e xestión do PAS

 

Accións

  1. Analizar e avaliar a situación presente do PAS da Universidade de Vigo mediante a posta en marcha dun programa de atención individual que permita que sexa escoitado, as súas demandas avaliadas, os problemas principais identificados así como as posibles solucións, co obxectivo de incrementar a identificación do PAS coa institución á que pertence.
  2. Planificar o persoal e funcións do persoal de administración e servizos como parte fundamental na estratexia de mellora da universidade.
  3. Avaliar a actual estrutura organizativa do Persoal de Administración e Servizos da Universidade, e planificación, negociación e execución das modificacións necesarias para corrixir as posibles disfuncións detectadas, sempre mediante unha política de revisión continua.
  4. Respectar a negociación coa representación unitaria e/ou sindical en materias relacionadas coa política de PAS, buscando o máximo consenso e diálogo e revisando os instrumentos de negociación fundamentais.
  5. Limitar os procesos de externalización de servizos só ás tarefas que non se poidan realizar polo PAS e non poñer en marcha novos servizos na universidade sen contar coa valoración do PAS implicado.
  6. Ampliar os nomeamentos de PAS en direccións técnicas de servizos e limitar a designación de persoas alleas á Universidade de Vigo para funcións directivas a postos moi particulares, de ser o caso.
  7. Establecer incentivos que valoren o rendemento do persoal a partir da consecución de obxectivos. Estableceranse plans piloto para valorar o seu funcionamento naquelas unidades que así o desexen.

 

Obxectivo 3.2. Formación do PAS e mellora das condicións de traballo

 

Accións

  1. Fomentar a formación mediante cursos adaptados a cada posto de traballo tendo presente o proceso de implantación de novos procedementos que se contempla de cara ós próximos anos, de xeito que este proceso se desenvolva con eficacia. Diversificar a oferta de formación con cursos relacionados co contido dos postos de traballo co fin de mellorar os resultados das tarefas realizadas.
  2. Deseñar e executar plans de formación específica do PAS de acordo coas súas características de especialización e formación continua e promover incentivos que permitan o desenvolvemento da súa carreira profesional. Aumentar a realización de accións formativas dentro do horario laboral do PAS, con atención ás quendas de traballo.
  3. Promover accións formativas relacionadas coa mellora do clima laboral (traballo en equipo, habilidades sociais, liderado, relacións interpersoais, entre outras).
  4. Facilitar e incentivar a formación e acreditación lingüística en inglés e outras linguas estranxeiras, así como a capacitación dixital.

 

Obxectivo 3.3. Mellorar as condicións laborais do PAS

 

Accións

  1. Garantir a irreversibilidade dos dereitos laborais e as condicións de traballo.
  2. Proporcionar oportunidades reais de promoción interna a todo o persoal, tanto funcionarios como laborais.
  3. Deseñar unha política de persoal que garanta a estabilización e consolidación da man da revisión permanente da RPT e do seu axuste ás necesidades permanentes da Universidade.
  4. Mellorar a normativa de permisos e excedencias co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e persoal, así como paliar as situacións que implican atención a persoas dependentes, así como a normativa de adaptación do tempo de traballo coa mesma finalidade.