Liña estratéxica 10: Universidade da sociedade e para a sociedade

A Universidade de Vigo ten que ser unha universidade útil para a sociedade galega en todos os seus ámbitos de actuación: a formación, a investigación, a transferencia de coñecemento e a dinamización social.

A imbricación na súa contorna non é só un obxectivo e unha obriga da universidade pública, senón que no caso da Universidade de Vigo, é estratexicamente necesaria para minorar a nosa exposición a condicións adversas. A Universidade débese implicar intimamente na vida diaria de Ourense, Pontevedra e Vigo e nas vilas da súa contorna e debe estar presente e ser protagonista nos seus debates sociais, económicos, xurídicos, artísticos, culturais, científicos, educativos e tecnolóxicos.

As actividades culturais e artísticas non só deben ser parte da formación transversal integral do alumnado, senón que tamén son as máis visibles na sociedade e que permiten mellor dialogar con ela e reverter nela parte do que pode ofrecer a universidade. Por iso, deben ser potenciadas, aínda que, para vinculalas á sociedade, as accións culturais se deberían realizar en colaboración con outros axentes culturais e entidades da contorna.

Unha universidade útil para a sociedade debe prestar especial atención a un dos elementos esenciais da cultura de Galicia, a nosa lingua. Entendemos que a lingua galega debe ter un papel relevante na Universidade de Vigo. É necesario deseñar e executar unha acción estratéxica que fomente o uso do galego na impartición da docencia e na creación, difusión e divulgación científica.

A transcendencia desta misión xustifica que estas responsabilidades recaian directamente na Reitoría.

Obxectivo 10.1. Reforzar a inserción da Universidade de Vigo no contorno social

Accións

1. Poñer en marcha un Foro da Universidade en colaboración cos medios de comunicación locais e outros axentes. Será un instrumento axeitado para canalizar a presenza social da universidade no seu ámbito territorial e constituirá un espazo para o debate sobre cuestións de interese na sociedade a fin de manter un diálogo continuo entre universidade e sociedade.

2. Desenvolver un programa de actividades nas sedes institucionais dos centros das cidades.

3. Crear un programa de cátedras itinerantes como ferramenta de divulgación do coñecemento xerado na universidade. Estas cátedras desenvolverán o seu labor nas vilas do ámbito territorial da Universidade en colaboración coas entidades locais.

4. Deseñar dun programa de formación e información para a cidadanía sobre temáticas de interese social utilizando estratexias alternativas de comunicación.

5. Crear redes de persoas egresadas e xubiladas para aproveitar este capital intelectual para a proxección e relación da universidade co contorno.

Obxectivo 10.2. Mellorar a visibilidade e a imaxe da Universidade de Vigo

Accións

1. Redeseñar o DUVI para convertelo nun xornal dixital interactivo, reforzando a súa compoñente audiovisual e potenciando a súa conexión coas redes sociais.

2. Potenciar a UVIGO TV como canle de produción e difusión propia de contidos audiovisuais.

3. Mellora da web institucional e estandarización das webs dos centros, departamentos, grupos de investigación, etc.

4. Crear un programa destinado a mellorar a visibilidade da universidade nos novos medios, como redes sociais.

5. Dispoñer dun repositorio de materiais accesible a toda a cidadanía que inclúa publicacións, artigos, materiais audiovisuais, fotográficos, etc., organizados nunha plataforma de uso sinxelo.

6. Visibilizar á Universidade de Vigo a través da participación en competicións deportivas.

Obxectivo 10.3. Conectar a Universidade cos centros educativos

Accións

1. Reforzar o Servizo de Información ao Estudante dotándoo dos medios necesarios, na medida das dispoñibilidades orzamentarias, para que se converta nun auténtico departamento de márketing da Universidade cara o futuro estudantado.

2. Mellorar a imaxe da Universidade en feiras educativas mediante a elaboración de novos materiais de promoción.

3. Fomentar a participación do profesorado na difusión da oferta educativa dos centros e titulacións da universidade, en coordinación cos equipos directivos dos centros.

4. Deseñar e executar unha convocatoria de premios e actividades nos tres campus destinado ó estudantado de ensino secundario e bacharelato.

5. Crear un repositorio de recursos docentes (presentacións temáticas, imaxes e vídeos, segmentados por centros e áreas de especialización, etc.) de libre utilización por parte do profesorado dos centros educativos de ensino primario, secundario e bacharelato.

Obxectivo 10.4. Fomento da lingua e da cultura galega

Accións

1. Deseñar e executar unha acción estratéxica que fomente o uso do galego na docencia e na difusión e divulgación científica para crear actitudes positivas cara á lingua propia.

2. Reforzar aquelas actividades de dinamización que teñen unha traxectoria consolidada na nosa institucións, como certames, cursos ou axudas á investigación.

3. Promover a elaboración de estudos e informes sobre a lingua e a cultura galegas.

4. Facilitar o achegamento á lingua e á cultura galegas ao alumnado estranxeiro ou procedente doutras comunidades.

5. Impulsar o uso do galego nas redes sociais e nas TIC.

6. Fomentar a relacións con outras entidades relacionadas coa lingua e a cultura galegas.

Obxectivo 10.5. Potenciación das actividades culturais e artísticas como instrumento de interacción coa sociedade

Accións

1. Elaborar unha estratexia de acción cultural externa con obxectivos claros que contemple a desconcentración dos campus, faga un maior fincapé na internacionalización e a contemporaneidade e aproveitando as fortalezas dos Campus de Especialización da Universidade.

2. Ofertar, tanto nas tres cidades da universidade como nas vilas principais, actividades culturais diversas (ciclos de cine, recitais poéticos, exposicións, obradoiros) en lugares emblemáticos para o que será necesario asinar convenios con concellos implicados.

3. Crear unha axenda cultural da Universidade de Vigo amplamente difundida a través dos distintos medios de comunicación das cidades e vilas nas que se asenta a Universidade.