Liña estratéxica 1: O deseño da Universidade do futuro

A dirección que tome a Universidade de Vigo nos próximos anos é de especial transcendencia. Requírese dunha visión estratéxica compartida, credibilidade, ambición, reflexión, esforzo colectivo e unidade de acción para conducir a nosa institución cara a un horizonte non exento de serios desafíos: o desfavorable contexto demográfico, a expansión das institucións universitarias de carácter privado, competindo en condicións claramente desiguais, ou a proliferación da educación virtual masiva, retos que deben ser considerados no deseño dunha estratexia que garanta a sustentabilidade da nosa institución. Analizar o complexo escenario no que se desenvolverá a institución fai imprescindible planificar estratexicamente o camiño a seguir na próxima década.

 

Obxectivo 1.1. Elaborar unha visión estratéxica compartida da Universidade

 

Accións

  1. Elaborar o II Plan Estratéxico da Universidade de Vigo. O Plan realizará a diagnose da situación presente, definirá os obxectivos a acadar no horizonte temporal dunha década, identificará as accións necesarias para conseguir estes obxectivos, identificará as accións e trazará o plan de traballo que conduza á consecución destes obxectivos. O Plan, que se elaborará coa participación do conxunto da comunidade universitaria, abordará todas as liñas estratéxicas da universidade, establecerá as prioridades de actuación e asignará os recursos humanos e económicos necesarios. A sustentabilidade, nas súas tres compoñentes, económica, social e ambiental, será un principio inspirador do proceso de planificación estratéxica, como de toda a política universitaria. O Plan será finalmente debatido e aprobado no Claustro da Universidade.
  2. Aliñar os procesos de calidade coas directrices que determine o futuro Plan Estratéxico da Universidade de Vigo e camiñar cara á simplificación dos procedementos actuais de xestión da calidade.
  3. Poñer en marcha un programa de avaliación das políticas deseñadas e executadas no marco do II Plan Estratéxico.
  4. Elaborar un código ético da Universidade.

 

Obxectivo 1.2. Reforzar a estratexia de especialización da Universidade

 

Accións

  1. Manter os ámbitos de especialización actual da universidade sustentada en catro ámbitos de especialización: Vigo Tecnolóxico, Campus do Mar, Campus da Auga e Campus Crea S2i, reforzando as súas estruturas organizativas e fomentando o desenvolvemento dos seus plans estratéxicos de cara á súa conversión en auténticos motores de investigación, transferencia, formación avanzada e conexión coa sociedade da nosa universidade.
  2. Impulsar as infraestruturas e proxectos singulares dos campus de especialización, nomeadamente, desenvolvemento do MTI, e o CIMBIO, a posta en marcha da ETEA, a reorganización e posta en funcionamento do CITI e o edificio do Campus da Auga en Ourense e o edificio do Campus Crea en Pontevedra.

 

Obxectivo 1.3. Apoiar á execución dos plans estratéxicos de Centros e Departamentos

 

Accións

  1. Poñer en marcha contratos-programa particularizados cos centros e departamentos da Universidade que, sustentados nunha análise pormenorizada das necesidades e aspiracións destes, e no recoñecemento das súas singularidades, permita acadar os obxectivos definidos en cada un dos plans estratéxicos dos centros e departamentos.

 

Obxectivo 1.4. Mellorar a situación da Universidade nos rankings internacionais

 

Accións

  1. Incorporar ao Plan Estratéxico as medidas necesarias para conseguir reforzar a medio prazo a posición da Universidade nos rankings internacionais, coma o de Shanghai, no que na actualidade nos atopamos no tramo 500-600, ou o das duascentas mellores universidades de menos de 50 anos. Identificar os ámbitos de coñecemento onde a Universidade está mellor situada, e as súas fortalezas e debilidades, o que resultará en mellorar a visibilidade da institución e favorecer o progreso da súa internacionalización.
  2. Establecer alianzas estratéxicas con institucións de referencia en cada ámbito e fomentar o intercambio e mobilidade de estudantado e persoal docente, investigador e de administración e servicios, buscando un proceso de mellora continua mediante a incorporación de prácticas de excelencia en cada eido da vida universitaria.