A Universidade que queremos

1- Unha universidade cunha visión estratéxica compartida obtida a través dun proceso de planificación estratéxica que, contando coa sustentabilidade económica, social e ambiental como principio inspirador, conduza á elaboración do II Plan Estratéxico da Universidade de Vigo coa participación do conxunto da comunidade universitaria.

2- Unha universidade dos matices na que se respecten as especificidades dos distintos ámbitos e centros, mediante a posta en marcha de contratos-programa particularizados conducentes á obtención de obxectivos estratéxicos singularizados.

3- Unha universidade centrada na docencia e a investigación e transferencia, na que o tempo dedicado a tarefas burocráticas se minimice a través da implantación dun programa de Actualización do Sistema de Administración e Xestión, a integración de procesos e servizos e a dixitalización masiva da universidade.

4- Unha universidade que avalía a estrutura organizativa do Persoal de Administración e Servizos da Universidade, e planifica, negocia e executa as modificacións necesarias para corrixir as posibles disfuncións detectadas, sempre mediante unha política de revisión continua.

5- Unha universidade que escoita e avalía a situación presente do PAS e PDI mediante a posta en marcha dun programa de atención individual que escoite e avalíe as demandas, identifique os problemas e formule as posibles solucións, co obxectivo de incrementar a identificación do profesorado e o persoal de administración e servizos coa institución á que pertence.

6- Unha universidade cunha política de profesorado estable que procure o relevo xeracional, establecendo procedementos e criterios de promoción e funcionarización consensuados e estables e aplicando políticas tendentes á redución dos desequilibrios docentes entre ámbitos.

7- Unha universidade na que o profesorado teña unha dedicación máis equilibrada, o que se traduce nunha mellor calidade docente e investigadora, mediante a posta en marcha de contratos-programa personalizados vinculados á consecución de obxectivos específicos de investigación, transferencia, docencia de calidade ou innovación docente.

8- Unha universidade que desenvolve con visión estratéxica as súas titulacións, analiza e negocia as propostas que sobre a organización docente dos títulos xurdan dos equipos directivos dos Centros de cara a mellorar a docencia e adaptala ás súas necesidades formativas singulares e impulsa un plan de modernización dos equipamentos docentes.

9- Unha universidade que avanza cara á formación integral do estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos a través dun plan de formación transversal que facilite o debate e a transferencia de coñecemento inter-ámbitos co obxectivo de fomentar a capacidade crítica da comunidade propiciando o seu medre cultural.

10- Unha universidade orientada á empregabilidade do estudantado mediante o reforzo da oferta e a calidade das prácticas preprofesionais, o impulso ós programas de mentorización e o lanzamento dun ambicioso programa de bolsas de colaboración en grupos de investigación que alcanzará a 600 estudantes na lexislatura.

11- Unha universidade que aposta pola investigación e a transferencia que potencia os centros singulares e agrupamentos estratéxicos, fortalece os seus grupos consolidados, pon en marcha contratos-programa destinados ós grupos produtivos sen financiamento na actualidade e desenvolve plans de acción específicos de intensificación de investigación en grupos pre-competitivos de todos os ámbitos, en particular, no xurídico-social, nas artes e nas humanidades.

12- Unha universidade con capacidade de captar e reter talento a través da posta en marcha dun programa activo de incorporación de persoal procedente do programa “Ramón y Cajal” e de outros programas competitivos estatais e internacionais da reserva dentro da oferta pública de emprego dun número de prazas independentemente das necesidades docentes e implantando un programa de retención de talento a través de contratos postdoutorais de tres anos de duración.

13- Unha universidade internacionalizada que internacionaliza ó seu estudantado a través do progreso no plurilingüísmo da docencia, no impulso ás dobres titulacións internacionais e que continúa co desenvolvemento do Centro de Linguas e fomenta a cooperación internacional para o desenvolvemento.

14- Unha universidade que se converta nun referente en igualdade, recoñecemento da diversidade, a inclusión e o benestar, garanta o acceso do estudantado á totalidade do proceso formativo independentemente da situación económica persoal ou familiar e contribúa á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

15- Unha universidade da sociedade e para a sociedade que fomente a lingua e a cultura galega, reforce a súa inserción no contorno social mediante a posta en marcha do Foro da Universidade e das cátedras itinerantes, mellore a súa visibilidade redeseñando o DUVI e potenciando UVIGO TV e potencie as actividades culturais como instrumento de interacción coa sociedade.

16 – Unha universidade diversa dende o punto de vista disciplinar, diversa na súa situación xeográfica e diversa na súa estratexia de especialización, que avance no proceso de desconcentración para optimizar a xestión dos Campus e favoreza o desenvolvemento das estratexias de especialización dos mesmos mediante a execución de programas deseñados especificamente para cada un deles.