Programa de Goberno

O Programa de Goberno da candidatura de Ideas que Suman alíñase en torno a dúas ideas forza: recuperar a ilusión e gañar o futuro.

 

A perda de ilusión é, nestes momentos, unha das debilidades máis relevantes da universidade española e combatela na Universidade de Vigo debe ser un dos obxectivos centrais desta candidatura. Na orixe desta situación está, entre outras razóns, a crise económica extrema, a aplicación do decreto Wert, a perda de poder adquisitivo dos salarios, a redución do tempo “útil” de traballo intelectual debido á hiperburocratización, a precariedade económica de moitos grupos de investigación, a falta de expectativas de promoción e a incerteza sobre a empregabilidade futura; certos erros na xestión e falla de comunicación entre o goberno da universidade e a comunidade universitaria tamén teñen motivado frustración entre colectivos de estudantes, persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos. É fundamental aumentar a confianza da institución no seu persoal o que fomentará a identificación deste coa institución á que pertence. As situacións individuais e colectivas deben ser estudadas e as demandas escoitadas para poder identificar os problemas e formular solucións aos órganos de goberno.

 

Ao mesmo tempo que se procura resolver os problemas máis urxentes que afectan á nosa Universidade, é absolutamente necesario deseñar o futuro, para o que cómpre desenvolver unha visión estratéxica compartida a longo prazo que se concrete nun Plan Estratéxico para a próxima década elaborado e asumido pola maioría da comunidade universitaria. Preparar o futuro é unha necesidade en calquera organización e, moi especialmente, nunha universidade exposta a un escenario que, con certeza, será moi diferente ao presente.

 

Para recuperar a ilusión e gañar o futuro, Ideas que Suman formula a necesidade de desenvolver 11 liñas estratéxicas que agrupan 45 obxectivos e 200 accións concretas, que se presentan a continuación.

 

 

***Descarga aquí o programa completo en formato PDF***