Preservar a autonomía da Institución

Un principio reitor da acción de goberno debe ser manter a saúde orzamentaria da Institución, unha das súas fortalezas, como elemento fundamental da nosa relativa autonomía con respecto ós entes financiadores. Acadar este obxectivo require desenvolver accións en tres direccións:

  1. Manter unha actitude proactiva para reclamar un financiamento da institución universitaria acorde coas demandas que a sociedade necesita da nosa institución. É preciso convencer á sociedadede que unha formación de calidade require dun financiamento adecuado da universidade. Defendemos que este financiamento se sustente progresivamente en criterios baseados no cumprimento de obxectivos. Ao mesmo tempo, deberanse reforzar as unidades técnicas centradas na procura de financiamento en convocatorias competitivas e a través de proxectos de transferencia de coñecemento.
  2. Xestionar de forma sensata os recursos require que tódalas medidas que se contemplen no programa de goberno sexan cuantificadas economicamente e avaliadas dende o punto de vista da súa viabilidade. Esta será unha marca de identidade da nosa candidatura.
  3. Defender a soberanía dos órganos de goberno universitarios no seu ámbito competencial, fronte a calquera intromisión dos poderes políticos e económicos, tecendo estratexias no seo da CRUE para que o principio constitucional da autonomía universitaria se encha de contido real.

Esta candidatura é o resultado do traballo en equipo de persoas de diferentes sensibilidades que se suman ó propósito común de aportar ideas para:

Afrontar o presente, recuperando a ilusión por un proxecto compartido de Universidade para o estudantado, para o persoal de administración e servizos e para o persoal docente e investigador.

 Gañar o futuro, a través do deseño de políticas estratéxicas que permitan achegarnos a unha universidade vinculada co entorno social, igualitaria e internacionalizada, capaz de formar unha cidadania crítica e atraer talento.

As ideas son o substrato sobre o que se debe construir o progreso en calquera contexto e moito máis nun ámbito, como é o universitario, no que o pensamento crítico e a reflexión intelectual deben ser os únicos mecanismos válidos para refrendar cada paso e cada avance. O debate dialéctico, coa confrontación de ideas que implica, é o motor dos cambios. E a variedade e pluralidade destas ideas, procedentes de distintos puntos de vista e diferentes xeitos de entender a realidade, é esencial para enriquecer e impulsar o debate. Por iso, para afrontar o futuro con esperanza e ilusión esta iniciativa leva por nome Ideas que suman.