Gañar o futuro

Ao mesmo tempo que se procura resolver os problemas máis urxentes que afectan á nosa Universidade,

é absolutamente necesario deseñar o futuro, para o que cómpre desenvolver unha visión estratéxica compartida a longo prazo que se concrete nun Plan Estratéxico para a próxima década elaborado e asumido pola maioría da comunidade universitaria. Preparar o futuro é unha necesidade en calquera organización e, moi especialmente, nunha universidade exposta a un escenario que, con certeza, será moi diferente ó presente.

Sete liñas de acción caracterizan este apartado.

  1. Universidade da sociedade e para a Sociedade. A imbricación na súa contorna non é só un obxectivo e unha obriga da universidade pública, senón que no caso da Universidade de Vigo, é estratexicamente necesaria para minorar a nosa exposición a condicións adversas. A Universidade debe implicarse intimamente na vida diaria das tres cidades nas que temos campus e nas vilas da súa contorna e debe estar presente e ser protagonista nos seus debates sociais, económicos, xurídicos, artísticos, culturais, científicos e tecnolóxicos. A creación dun Foro da Universidade en colaboración cos medios de comunicación locais, pode ser un instrumento acaído para canalizar a presenza social da Universidade no seu ámbito territorial.
  2. A Universidade de Vigo ten que ser a Universidade útil para a sociedade galega en tódolos seus ámbitos de actuación: a formación, a investigación, a transferencia de coñecemento, a dinamización social, etc. Neste contexto, o reforzo do programa de formación continuada para a cidadanía debe ser unha prioridade.

    Unha universidade útil para a sociedade debe prestar especial atención a un dos elementos esenciais da cultura de Galicia, a nosa lingua. Entendemos que a lingua galega debe ter un papel relevante na Universidade de Vigo. É necesario deseñar e executar unha acción estratéxica que fomente o uso do galego na impartición da docencia e na divulgación científica.

 

  1. Universidade da IgualdadeA Universidade de Vigo débese converter na Universidade da igualdade de oportunidades para todas as persoas, sen que poida existir discriminación algunha por razóns económicas, de raza, sexo, relixión, cultura, extracción social, opinión nin condición ou circunstancia persoal nin social. Camiñar cara á igualdade é a esencia da universidade pública.
  1. É necesario reforzar a acción social da Universidade para o que se procurará a colaboración con outras entidades do entorno. Calquera estudante da universidade de Vigo deberá ter acceso á totalidade do proceso formativo independentemente da situación económica familiar ou persoal e de calquera outra circunstancia.

    Débese abordar a posta en marcha dun plan para atender as necesidades de colectivos en situación de especial vulnerabilidade por calquera das razóns indicadas e, en particular,  por motivos de necesidades educativas específicas.

    No referente á política de igualdade de xénero, debe ser transversal e debe pasar da fase de diagnose e sensibilización á da elaboración e aplicación dun plan de acción, baseado nas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades existentes, con medidas concretas, cuantificado economicamente e sometido a un seguimento baseado en indicadores de desempeño significativos. Os plans elaborados débense inserir no Plan Estratéxico da nosa universidade.

 

  1. Profundización democrática da xestión da Universidade mediante o reforzo dos órganos de representación e dos procesos de participación, creando espazos de consulta e reflexión conxunta na que conflúan o estudantado, o persoal de administración e servizos, o persoal docente e investigador e outros axentes sociais. Estes espazos de participación fomentarán a práctica democrática na comunidade universitaria e serán un elemento fundamental do proceso de elaboración do plan estratéxico da universidade.

 

  1. Formación para unha cidadanía crítica. O obxectivo da universidade é formar persoas con capacidade de análise crítica e formación integral para a súa acción nunha sociedade democrática. É necesario deseñar e poñer en funcionamento un plan de formación transversal para o estudantado, o profesorado e o persoal de administración e servizos que asegure unha formación integral de toda a comunidade universitaria. É preciso elaborar e aplicar un ambicioso programa que fomente o debate e a transferencia de coñecemento inter-ámbitos co obxectivo de fomentar a capacidade crítica da comunidade propiciando o seu medre cultural.

 

  1. Unha política de profesorado e PAS que afronte o relevo xeracional dos cadros de persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos coa necesaria previsión, tendo presente que a substitución destes profesionais require unha programación deseñada con suficiente anticipación. Este debe ser un elemento central do Plan Estratéxico da universidade.

 

  1. Unha universidade con capacidade de atraer talento da máxima excelencia. A calidade das universidades é o resultado do traballo das persoas que nela desenvolven a súa actividade. Polo tanto, a incorporación e a consolidación na nosa universidade de profesionais da máxima excelencia docente e investigadora debe ser un obxectivo prioritario da nosa institución. É preciso deseñar e poñer en marcha instrumentos que permitan a captación e retención de profesionais de relevancia internacional que mellorarán a proxección internacional da nosa universidade.

 

  1. Internacionalizar a nosa Universidade, internacionalizar o noso estudantadoComo universidade pública, que ten que atender preferentemente á sociedade próxima, débese facer un esforzo importante na internacionalización das nosas e dos nosos estudantes, abrindo o maior número posible de programas de mobilidade internacional e dando alternativas ós que, por motivos económicos ou doutra índole, non poden acceder á realización de estudos en países estranxeiros.