Afrontar o presente: recuperar a ilusión

A perda de ilusión é, nestes momentos, unha das debilidades máis relevantes da universidade española e combatela na Universidade de Vigo debe ser un dos obxectivos centrais desta candidatura. Na orixe desta situación está, entre outros, a crise económica extrema, a aplicación do decreto Wert, a redución do tempo “útil” de traballo intelectual debido á hiperburocratización, a precariedade económica de moitos grupos de investigación, a falta de expectativas de promoción e a incerteza sobre a empregabilidade futura; certos erros na xestión e falla de comunicación entre o goberno da universidade e a comunidade universitaria tamén teñen motivado frustración entre colectivos de estudantes, profesorado e do persoal de administración e servizos. É fundamental aumentar a confianza da institución no seu persoal o que fomentará a identificación deste coa institución á que pertence. As situacións individuais e colectivas deben ser estudadas e as demandas escoitadas para así poder identificar os problemas e formular solucións ós órganos de goberno.

Para corrixir esta situación, é necesario desenvolver principalmente seis liñas estratéxicas:

    1. Posta en marcha inmediata dun plan de simplificación e axilización administrativa que parta dunha análise integrada da totalidade dos procedementos administrativos e a eliminación de todas aquelas duplicidades ou requirimentos adicionais que se estean a desenvolver na actualidade. É necesario racionalizar os procedementos de seguimento e control da xestión académica.

    Proponse a creación dunha estrutura responsable desta acción urxente que implicará á Xerencia e Vicerreitorías e que contará co seguimento dunha comisión delegada do Consello de Goberno formada por tódolos sectores implicados. Unha vez estudados os resultados desta análise de procedementos e valorada a experiencia da organización administrativa actual tomaranse as decisións necesarias para resolver as disfuncións detectadas.

    De xeito paralelo a este proceso, é absolutamente prioritario deseñar un novo programa de formación do persoal de administración e servizos e desenvolver un ambicioso plan de conversión da Universidade de Vigo nunha institución dixitalizada.

  1. Deseño e desenvolvemento dunha política de profesorado estable que contemple tres eixos principais:
    1. A definición de obxectivos de crecemento específicos por ámbito, que conduza á posta en marcha de políticas tendentes ó equilibrio entre eles, como por exemplo un plan de choque para a redución dos déficits e desequilibrios docentes dalgúns ámbitos ou a creación de incentivos baseados no cumprimento de obxectivos de investigación noutros.
    2. A adopción consensuada de criterios de promoción estables a longo prazo. Estes criterios deberían contemplar, polo menos, as necesidades docentes da institución e a excelencia docente e investigadora do profesorado.
    3. É preciso garantir o cómputo real da docencia que o profesorado imparte en todos os niveis: grao, mestrado e doutoramento.
  1. Desenvolvemento dun plan de mellora da docencia que contemplará a revalorización do labor docente, o deseño dun programa de formación do profesorado e unha nova política de innovación educativa. É prioritario apostar por unha política de estudos de posgrao encamiñada á diferenciación da Universidade mediante a identificación e potenciación de estudos de interese estratéxico. Esta aposta debe contemplar tanto unha mellora do financiamento da docencia como un maior apoio administrativo para a xestión dos estudos de posgrao.
  1. Deseño dun plan de apoio á investigación e transferencia que se traducirá na dotación de apoio á xestión administrativa, internacionalización e transferencia dos centros de investicación singulares, agrupamentos estratéxicos e grupos de investigación consolidados. Asemade, crearanse contratos programa para grupos precompetitivos ou en risco de perda de competitividade tendentes a manter o seu traballo investigador. É necesario “rescatar” ao persoal investigador de tódolos ámbitos, que, desenvolvendo un traballo de calidade, se atopa nestes momentos en situacións límite debido ó descenso dos fondos de investigación dispoñibles a todos os niveis e, en especial, nas áreas xurídico-sociais, de artes e de humanidades. O impulso da transferencia de coñecemento mediante o fomento da creación de empresas de base tecnolóxica e a posta en marcha de polos de transferencia e innovación sectoriais será unha prioridade da acción de goberno.
  1. Deseño e implantación dun plan de incorporación das e dos estudantes na universidade que permita o desenvolvemento de proxectos de innovación desenvolvidos por estudantes de grao e posgrao a través de medidas como o lanzamento dun programa propio de bolsas de colaboración en grupos de investigación.
  2. Impulso dun plan integral de empregabilidade dos e das estudantes da Universidade de Vigo sustentado no reforzo das prácticas preprofesionais, das feiras de emprego, da formación complementaria en competencias transversais e da orientación profesional, en particular reforzando os plans de mentorización de pares, xa desenvolvidos nalgúns centros, así como a mentorización externa. Será preciso procurar o cofinanciamento deste plan nas institucións e nos axentes económicos.