O Campus do Mar achega un balance positivo para a UVigo de 8,6 millóns de euros

Desde Ideas que Suman asumimos a transparencia como un compromiso esencial. Por este motivo, rendemos contas da actividade previa de xestión do noso candidato, Emilio Fernández, no Campus do Mar, que está sendo cuestionada reiteradamente desde o eido da opinión, sen que se aporte ningún dato fidedigno.

 

Efecto multiplicador: O Campus do Mar recibiu en 2010, xunto co selo de Excelencia Internacional, dous préstamos por un importe total de 6,05 millóns de euros que, a día de hoxe xeraron de xeito directo, en forma de subvención, 14,65 millóns, o que supón un superávit próximo aos 9 millóns de euros, un claro exemplo de boa xestión dos recursos.

Investimento en talento e na contorna social e económica

A estratexia de investimento do préstamo CEI centrouse nas persoas, que son o maior capital que ten a Universidade. Por iso se destinou ao financiamento programas de captación de talento (9 contratos de Postdoutorais, 43 predoutorais, 3 de tecnólogos e 52 bolsas de mestrado), 27 axudas para estancias no estranxeiro ou a creación dun Programa Internacional de Doutoramento DOMAR no que actualmente hai 250 estudantes de 17 países.
Tamén se fixo fincapé en actividades que incidían directamente na contorna do campus, coa promoción de escolas de emprendemento nas que participaron 200 estudantes , a organización de 53 conferencias preferentemente internacionais, a xeración de 4.000 horas de vídeos con contidos científicos e educativos; así mesmo, 700 estudantes de bacharelato de España traballaron no Campus. Outro claro exemplo é a web de emprego MARJOB, que publicou 4.000 ofertas de emprego nacionais e internacionais e recibiu máis de 230.000 visitantes únicos, ou as 43.000 persoas que participaron nas accións de divulgación científica organizadas.

Prestixio e vía para novas oportunidades

Ademais do impacto positivo en canto a imaxe de marca, desenvolvemento de actividades, establecemento de redes e proxección da universidade como motor da eurorrexión no eido mariño, existen outros factores directamente relacionados co Campus do Mar como, por exemplo, a consecución do Centro Singular de Investigación Mariña da Xunta de Galicia que reportará á Universidade 500.000€ nos próximos tres anos.

Transparencia

A cantidade do préstamo a devolver, atópase xa provisionada nas contas da Universidade, polo que os seguintes orzamentos non están para nada condicionados pola devolución dos préstamos. Todo o proxecto está sendo xestionado con total transparencia tanto de xeito interno (o orzamento do Campus do Mar é un capítulo máis do orzamento da Universidade sometido ao mesmos procedementos de control interno e anualmente o comisionado do Campus do Mar presentaba no Consello de Goberno os resultados e plan de actuación) como externo: o proxecto vén de ser recentemente auditado e a valoración foi positiva.

Un proxecto do presente, con moito futuro

Lonxe de deter a súa marcha, o Campus do Mar goza de moi boa saúde e continúa o seu desenvolvemento,  participando activamente en proxectos e actividades. O pasado mes de marzo, na reunión do Consello Rector quedou marcada a folla de ruta do Campus de Excelencia ata o ano 2020 que pivota sobre tres eixos fundamentais: o fortalecemento das liñas de investigación de referencia, a internacionalización do programa de doutoramento DO*MAR e a cooperación transfronteiriza. Ademais destas actuacións estratéxicas, a actividade cotiá da agregación continúa coa promoción de proxectos de investigación e emprendemento, a convocatoria de bolsas e axudas para investigadores/as e estudantes, a participación en redes internacionais ou a organización de actividades de sensibilización e divulgación científica, como os Campus Científicos de Verán.

Unha aposta estratéxica

Proxectos de especialización como o Campus do Mar son un claro exemplo da aposta por unha xestión eficiente e responsable, que multiplica o investimento realizado e que garante o futuro da institución e consolida o presente, por eso deberían ser defendidos e promovidos.