Manuel Castro‐Gil Amigo será o xerente da Universidade de Vigo se Emilio Fernández gaña as eleccións

O candidato a reitor presentou hoxe a Castro‐Gil, nunha reunión cos representantes sindicais do persoal de administración e servizos

O actual subdirector xeral de Auditoría de Fondos Comunitarios e Subvencións da Xunta de Galicia, Manuel Castro‐Gil Amigo, é a persoa proposta por Emilio Fernández para ocupar a Xerencia da Universidade de Vigo se a súa candidatura, Ideas que Suman, acada suficiente apoio nas eleccións a reitor da Universidade de Vigo do 23 de abril.

Emilio Fernández presentou a Castro‐Gil nunha reunión cos representantes sindicais do persoal de administración e servizos, aberta tamén á asistencia dos integrantes do colectivo.

Manuel Castro‐Gil, veterinario con estudos complementarios en xestión e administración de empresas, auditoría e dirección do sector público, conta cunha traxectoria profesional multidisciplinar.

No ano 2001 integrouse na administración da Xunta de Galicia, ocupando diferentes postos vinculados coa xestión pública, a auditoría e a o a organización de fondos comunitarios. Así, foi xefe de Servizo de Auditoría Interna do FOGGA (2001‐2007), xefe de Servizo de Coordinación e Seguimento do PDR (2007‐2009)e subdirector xeral de Gandería (2009‐2013). En 2014 pasou a ocupar o seu posto actual.

Con anterioridade, foi funcionario do Ministerio de Agricultura, onde participou activamente en Grupos de Traballo do Consello Europeo e Comités de Xestión da Comisión en Bruxelas.

A súa carreira comezou co exercicio da profesión de veterinario clínico, á que dedicou sete anos, para incorporarse na década dos anos noventa á xestión comercial en empresas do sector agroalimentario galego. En 1999 abandonou esta actividade para ingresar no Corpo Nacional Veterinario.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *