Emilio Fernández: “Queremos unha Universidade que se proxecte cara ó mundo e a sociedade, cunha visión estratéxica compartida e transversal”

O candidato á Reitoría da Universidade de Vigo polo colectivo “Ideas que suman”, Emilio Fernández, destacou hoxe a necesidade de elaborar un Plan Estratéxico para definir “a universidade que queremos para as vindeiras décadas”, e deseñado “de xeito transversal, entre tódolos colectivos que integran a comunidade universitaria”, coa intención de “proxectar a UVigo cara ó mundo e a sociedade”.

No debate entre candidatos celebrado no Edificio Miralles do Campus Lagoas-Marcosende, Emilio Fernández comprometeuse a presentar este Plan no primeiro ano de Goberno e a facelo de xeito consensuado, porque “non somos continuistas, nin daquelas políticas do pasado que resultaron frustradas nin tampouco dunha oposición que intente desfacer todo o ben feito”.

Emilio Fernandez reclamou “un exercicio de sinceridade” por parte de Pachi Reigosa, “porque xa é o terceiro debate no que vostede segue coa mesma cantinela de que nós somos continuistas”, e pediulle que “recoñeza que nas dúas candidaturas hai representantes das dúas formacións que no pasado estiveron tanto no goberno como na oposición”.

Neste sentido, o candidato de “Ideas que suman” indicoulle a Reigosa que “creamos dúas novas plataformas vinculadas a diferentes grupos” e “vostede mesmo foi vicerreitor con Alternativa Universitaria, na que eu nunca participei” e, en cambio “nós fomos quen de xuntar nun mesmo proxecto” a persoas como José Luis Legido e Jaime Cabeza, que non son “dubidosas de apoiar o goberno saínte” e “mesmo levamos na nosa candidatura a Juan Pou”, candidato a vicerreitor de Planificación e Proxectos Estratéxicos, “unha persoa moi crítica co equipo saínte”, engadiu.

Docencia

No apartado de docencia, o candidato de “Ideas que suman” asegurou que “non queremos que ningún profesor imparta máis de 240 horas de docencia, reais e efectivas” e comprometeuse a analizar caso por caso, para que cada quen “nos diga que quere facer co seu tempo adicional”, se dedicalo a investigación, transferencia, calquera outro tipo de docencia, proxectos de innovación educativa ou de proxección cara á sociedade.

Emilio Fernández, quen a diferencia de Reigosa se amosou crítico co decreto Wert, contrapuxo esta proposta á sinalada polo grupo de Reigosa de fixar un total de 280 horas de docencia, indicando que “coa proposta de H2040, un total de 80 profesores estarían por encima do límite das 240 horas defendidas por nós”.

Investigación

Emilio Fernández puxo de manifesto a existencia de distintas velocidades na incorporación do PDI da UVigo á Investigación, con grupos altamente competitivos e consolidados e outros de baixa intensidade, e afirmou que “queremos incorporar novos investigadores á UVigo e ampliar as bolsas de colaboración que xa existen do Ministerio cun programa propio, ofrecendo un total de 150 bolsas para novos investigadores”.

Ademáis, Fernández destacou a prioridade da súa candidatura de “establecer un programa de captación de talento de alto nivel” e de potenciar a carreira investigadora a través da dotación de novos contratos postdoutoriais de polo menos tres anos.

Emilio Fernandez insistiu “na nosa aposta pola especialización dos campus, que nos permitirá traballar de xeito horizontal entre distintas áreas e ámbitos de coñecemento”, a través de agrupamentos estratéxicos e o establecemento de plans para centros singulares.

Xestión

No apartado de xestión, Emilio Fernández destacou o feito de que “nós xa presentamos, na propia campaña, a persoa que propoñemos como candidato a xerente da Universidade, porque entendemos que facelo así é un xesto de transparencia” de cara ó colectivo do Persoal de Administración e Servizos, porque “así nós xa colocamos a diana e todos sabedes onde lanzar” os dardos.

Fernández tamén se comprometeu “a presentar no Consello de Goberno, en 100 días, un plan de racionalización administrativa”, axustado a un “pensamento holístico, dunha única universidade cun único procedemento administrativo” e sen duplicacións innecesarias.

Ademais, contrastou a intención de asociar a calidade na xestión á vicerreitoría de Planificación, fronte a intención de Reigosa de vinculala á secretaría xeral da Universidade

Alumnado

No apartado de estudantado o candidato de “Ideas que suman” destacou o feito de contar dentro do seu equipo, especificamente, cunha Vicerreitoria de Estudantes e Empregabilidade, coa intención de vincular e poñer en valor ambas cuestións, ademais de propor un plan de formación transversal entre as distintas áreas, científica, tecnolóxica, xurídico-social e humanística, coa intención de formar “estudantes críticos e cultos”.

Finalmente, Emilio Fernández manifestou a súa vontade de promover a constitución de “redes e asociacións de estudantes”, como algo que será “protexido e mimado” polo equipo de goberno.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *