Emilio Fernández chama a escribir entre todas e todos a historia e o futuro da Universidade de Vigo

O candidato a reitor presenta un equipo para unha nova etapa, que combina xuventude e experiencia en xestión

Converter a Universidade de Vigo nun referente internacional dentro da lista das 150 universidades máis destacadas de menos de 50 anos (150 under 50) é unha das aspiracións da candidatura de Emilio Fernández, que presentou hoxe nos tres campus as ideas que resumen o seu programa electoral e o equipo co que concorre ás eleccións a reitor da Universidade de Vigo.

Segundo o candidato á Reitoría, “queremos ser o motor da modernidade e do desenvolvemento de Galicia, o corazón do novo clúster de creación de riqueza na comunidade”, unha visión que, para ser factible, debe ser compartida polas persoas que compoñen a institución: “En Ideas que Suman, creemos nun proxecto para a Universidade de Vigo, sen exclusións, un resultado de suma positiva” baseado en dúas premisas: afrontar o presente, recuperando a ilusión, e gañar o futuro.

Partindo da premisa de recuperar a ilusión, Emilio Fernández insistiu en que é necesario estudar as situacións e escoitar as demandas individuais e colectivas, evitando unha Universidade de dúas velocidades e potenciando, ao mesmo tempo, os grupos máis competitivos. Baixo o eixo de gañar o futuro, o candidato destacou a necesidade de desenvolver políticas estratéxicas para acadar unha universidade vinculada co entorno social, igualitaria e internacionalizada, capaz de formar unha cidadanía crítica e atraer talento. Esta visión estratéxica a longo prazo debe concretarse na elaboración dun Plan Estratéxico (o segundo da institución) para a próxima década, elaborado e asumido pola maioría da comunidade universitaria.

A aposta firme pola investigación, a innovación e a docencia, a maior internacionalización da Universidade e a atracción de docentes e investigadores de máxima calidade son os instrumentos máis relevantes que deben desenvolverse, segundo o catedrático de Ecoloxía, para acadar esta meta.

Emilio Fernández expuxo algunhas das dezaseis ideas que resumen o seu programa electoral, composto por once liñas estratéxicas, 45 obxectivos e 200 accións. Na elaboración deste programa colaboraron cerca de 200 persoas, organizadas en sete grupos de traballos, en representación de todos os campus, ámbitos, centros e sensibilidades. Ademais, recibíronse achegas dos centros, colectivos universitarios e mesmo da sociedade e realizáronse decenas de reunións co profesorado, estudantes e PAS.

O candidato á Reitoría presentou tamén o seu equipo, “composto por persoas que cumpren dous requisitos: ser respectados nos seus centros e ter sobrada capacidade de diálogo” . Cinco mulleres e cinco homes, representantes dos tres campus e con traxectorias que combinan a xuventude coa experiencia na xestión, integran a proposta de Emilio Fernández para un total de nove Vicerreitorías e a Secretaría Xeral da institución.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *