Emilio Fernández: “A eficacia e transparencia na xestión comeza pola propia campaña á Reitoría”

O candidato a reitor pechou hoxe a súa campaña cun acto breve no campus de Vigo

 

Ideas que Suman vén de publicar na súa páxina web as facturas da campaña electoral á Reitoría da Universidade de Vigo, por un importe de 3.391 euros. Esta cantidade supón pouco máis da metade dos 6.000 euros asignados pola institución universitaria para gastos da campaña a cada un dos candidatos que concorren as eleccións que se celebrarán o vindeiro luns, 23 de abril.

Emilio Fernández manifestou desde o comezo da campaña a súa intención de gastar só o imprescindible en publicidade electoral, evitando “calquera imaxe de ostentación”, coa intención de que o aforrado reverta sobre o orzamento da comunidade universitaria e quede a disposición do novo goberno e equipo reitoral, porque “cando falamos de cartos públicos, cómpre administralos coa máxima eficacia e total transparencia”.

O candidato de Ideas que Suman, quen tamén renunciou á utilización dun despacho electoral e do vehículo a disposición das dúas candidaturas, compensou o aforro en publicidade cunha intensa campaña de visitas aos centros da Universidade e unha axenda chea de encontros e de relación directa con tódolos colectivos e persoas que integran a comunidade universitaria: o Persoal Docente e Investigador (PDI), Persoal de Administración e Servizos (PAS) e Alumnado.

Emilio Fernández destacou que ao longo da campaña “dixemos, con claridade, en que queremos empregar os recursos dispoñibles da Universidade e cales son as nosas prioridades e obxectivos programáticos, cunha visión estratéxica e de futuro, fuxindo de formulacións a curto prazo e medidas que poñan en perigo a institución ou arrisquen o presuposto”. En concreto, as facturas presentadas pola candidatura de “Ideas que suman” amosan un gasto de 1.553 euros en carteis e dípticos, 1.007 euros en produción e edición de vídeos e pezas audiovisuais de campaña; 424 euros en fotografías, 342 euros no deseño da imaxe e logotipo do colectivo e 65 euros nun roller, lona e estrutura, para a súa utilización nos actos electorais.

Emilio Fernández pechou a campaña na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, cun acto sinxelo no que lembrou que tanto el como os integrantes do seu equipo “non temos padriño, nin temos a ninguén detrás, polo que se gañamos as eleccións ao día seguinte seremos completamente libres para xestionar esta institución”. O candidato quixo agradecer a súa colaboración a tólodas persoas que desinteresadamente participaron na campaña.

Ao acto acudiron, entre outros colaboradores e simpatizantes, os integrantes do equipo, salvo Paloma Morán, en Madrid por motivos académicos, e os dous representantes procedentes do campus de Ourense, Roberto Bustillo e Javier Rodríguez Rajo, que ao longo da mañá mantiveron reunións con diferentes colectivos no Campus da Auga.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *