Diagnose

Diagnose e definición de prioridades de actuación (2018-2022)

A universidade acada a súa misión na sociedade grazas á sincronización de todos os colectivos que a compoñen: o estudantado, prioridade máxima e razón de ser da universidade, o profesorado, principal motor de xeración e transmisión de coñecemento, e o persoal de administración e servizos, forza que permite o funcionamento da institución. Somos conscientes de que acadar este obxectivo require altas doses de capacidade, enerxía, e ilusión.

A Universidade de Vigo atópase hoxe nunha encrucillada histórica. Os próximos anos determinarán se a nosa institución se converte nunha universidade de influencia local situada na periferia dunha comunidade autónoma periférica dun estado periférico de Europa, e por tanto destinada á súa deriva cara a unha institución menor, ou pola contra, se consolida como unha das universidades novas emerxentes caracterizadas polo seu dinamismo, a excelencia docente e a calidade da súa investigación, a especialización e a súa estreita conexión coa sociedade, elementos imprescindibles que deben descansar sobre un excelente funcionamento administrativo e dos seus servizos. Por iso, non é arriscado soster que a dirección que tome a Universidade de Vigo nos próximos anos é de especial transcendencia. Requírese dunha visión estratéxica compartida, credibilidade, ambición, reflexión, esforzo colectivo e unidade de acción para conducir a nosa institución cara a ese horizonte. Non debemos esquecer que nese desempeño haberá que superar serios desafíos: o desfavorable contexto demográfico, a expansión das institucións universitarias de carácter privado, competindo en condicións claramente desiguais, ou a proliferación da educación virtual masiva, retos que deben ser considerados no deseño dunha estratexia que garanta a sustentabilidade da nosa institución.

Analizar o complexo escenario no que se desenvolverá a institución fai imprescindible a elaboración dun Plan Estratéxico que marque o camiño a seguir na próxima década. Este debe ser o motivo central de discusión do vindeiro Claustro da universidade.

As condicións de partida permiten visualizar o futuro con optimismo se acertamos nas diagnoses e nas propostas. A posición da nosa Universidade dentro das universidades de recente creación é destacada, e isto é así polo esforzo dos colectivos que a conforman: estudantes, persoal de administración e servizos e do persoal docente e investigador ó longo da curta historia da institución.

A Universidade de Vigo fixo un percorrido salientable que contribuíu de xeito significativo ó desenvolvemento da sociedade do sur de Galicia. En contraste con outras institucións de ensino superior, a nosa Universidade goza nesta fase da súa historia dun estado de saúde que permite afrontar con esperanza e determinación o futuro. Este futuro pasa por dar prioridade ó obxectivo fundamental dunha universidade pública: servir á sociedade que a sustenta garantindo a igualdade de oportunidades no entorno social no que se asenta. Por iso, traballar cara á excelencia da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento constitúe o principio reitor da nosa candidatura.

O Contexto

A Universidade de Vigo depende do contexto autonómico, estatal e internacional no que se insire. Consecuentemente, unha parte significativa dos problemas da nosa institución non son exclusivos dela.

Enfrontar problemas tan graves como a desigualdade, o deterioro ambiental, a violencia de xénero ou o declive dos valores democráticos, supón un gran reto para a nosa institución. Certamente, a universidade non pode enfrontar esta situación de modo illado pero, como institución na que se constrúe coñecemento e se desenvolven actitudes e aptitudes, ten a obriga de facelos visibles e de contribuír á súa solución.

As restricións financeiras e a tendencia á minimización do público, predominantes na sociedade occidental nas últimas décadas, teñen repercusións evidentes nas institucións universitarias. En primeiro lugar, a moi discutible afirmación de que a xestión privada é, axiomáticamente, máis eficaz que a xestión pública, fai que as institucións públicas, entre elas as universidades, non sexan sempre defendidas pola cidadanía. Isto tradúcese nun escaso financiamento, limitando así de xeito extraordinario a súa autonomía, moi especialmente en situacións de crise económica extrema. Este proceso descualificador, asfixia de financiamento e perda de autonomía está na base das dificultades que experimentan as institucións universitarias no deseño dos plans de captación e retención de talento, así como no desenvolvemento dos plans de promoción do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos. Pero é o estudantado o que resulta máis afectado por este proceso de asfixia orzamentaria do sector público ó traducirse nun descenso dos fondos destinados ó financiamento das bolsas de estudo. A perda de autonomía é aínda máis extrema no caso das institucións endebedadas, ó atopárense na práctica intervidas polas administracións autonómicas e estatais, o que non é o caso da Universidade de Vigo. O mantemento da prudencia orzamentaria, que obriga a unha priorización de gastos, debe ser un obxectivo prioritario, xa que del depende a defensa da mínima parcela de soberanía que aínda mantemos.

A concepción da Universidade como unha empresa e do estudantado como cliente é o produto dunha concepción mercantilista claramente lonxe da súa primixenia razón de ser como servizo público dedicado á xeración e transmisión do saber. Sen dúbida, a universidade debe xerar persoal cualificado para o sistema económico, pero o seu obxectivo prioritario é formar persoas con capacidade de análise crítica, preparadas integralmente para a súa responsabilidade cívica nunha sociedade democrática. A formación dunha cidadanía para a democracia é compatible coa formación do estudantado nas competencias profesionais das correspondentes áreas de coñecemento. É necesario, por tanto, crear novos programas de formación complementaria que aborden esta limitación mediante o fomento da formación transversal inter-ámbitos de coñecemento, así como a incorporación das e dos estudantes ó proceso de xeración de coñecemento e de impulso da innovación dende as primeiras fases do seu proceso formativo. Nesta mesma liña, a inserción laboral debe constituír tamén un obxectivo prioritario das universidades.

A posta en valor das humanidades, as artes e as ciencias sociais na universidade é necesaria porque unha formación universitaria non é integral nin de calidade se non é capaz de cultivar estes aspectos en toda a comunidade universitaria. De igual maneira, non é concibible unha formación universitaria sen a comprensión das bases científicas e tecnolóxicas que determinan a sociedade do inicio do século XXI. Este obxectivo pode ser abordado porque somos unha universidade diversa. Diversa dende o punto de vista disciplinar, diversa na súa situación xeográfica e diversa na súa estratexia de especialización. Esta diversidade, lonxe de constituír unha limitación, é unha gran fortaleza da nosa institución e debe ser recoñecida e considerada nas políticas que cómpre desenvolver nos próximos anos. Debemos evitar a homoxeneización para camiñar cara a unha universidade dos “matices” na que os diferentes ámbitos se sintan cómodos no desenvolvemento da universidade. Consideramos que a especialización dos campus é unha estratexia acertada para aproveitar as fortalezas e oportunidades de cada un destes e, por tanto, debe ser reforzada.

Finalmente, a concepción mercantilista das universidades leva á introdución de procedementos de xestión e, en particular, de “xestión da calidade”, propios das unidades de produción de manufacturas, baseados na certificación de procedementos repetitivos pero lonxe do concepto de calidade que debe prevalecer na universidade. Isto conduciu a unha hiperburocratización do sistema universitario absolutamente desmotivadora e que resta tempo para o desenvolvemento da tarefa central da universidade: a xeración e transmisión do coñecemento. Ademais, na medida en que se deu prioridade ós medios sobre os obxectivos, esta circunstancia obrigou á adopción de regras, conductas e sistemas de avaliación lesivos para a verdadeira calidade na docencia. É absolutamente necesario un cambio de rumbo cara á simplificación e mellora destes procedementos que deben estar claramente aliñados cas directrices que determine o futuro plan estratéxico da universidade.

Como consecuencia dos aspectos mencionados, é claramente detectable un claro malestar nunha gran parte da comunidade universitaria, que reclama a valoración da súa actividade. Unha universidade non se reduce os seus órganos de goberno, unha universidade será o que sexan e queiran os colectivos que a conforman e, por tanto,  o goberno da universidade ten que se sustentar nunha actitude de escoita continua e de proposta de solucións negociadas sempre que sexa posible. É preciso mudar o malestar en esperanza.

No contexto máis próximo, cómpre resaltar que a Universidade de Vigo está radicada en dúas provincias periféricas con respecto á situación dos centros de poder político. En consecuencia, o éxito da Universidade de Vigo pasa indefectiblemente polo mantemento de estándares de calidade superiores ó promedio do entorno e pola intensificación da vinculación da Institución coa sociedade próxima, coas institucións públicas, co sector empresarial, co sector asociativo e coa sociedade civil en xeral. A Universidade de Vigo terá apoio social na medida na que a sociedade galega a considere imprescindible para o desenvolvemento social e económico do territorio, para ter futuro.

Existen oportunidades, neste sentido, que precisan aínda ser explotadas con maior intensidade: en particular: a nosa posición transfronteiriza. Establecer alianzas estratéxicas coas universidades portuguesas que lindan coas provincias do sur de Galicia debe ser unha prioridade xa que a nosa historia previa de cooperación transfronteiriza indica que este é un espazo no que a nosa vantaxe é evidente. Profundar nesta cooperación e crear un eficaz ecosistema universitario entre a Universidade de Vigo e as universidades do Norte de Portugal debe ser un obxectivo estratéxico que abre unha excelente porta cara á totalidade de Iberoamérica e nos fai gañar centralidade no ámbito peninsular e europeo.