O candidato

Emilio Fernández Suárez é catedrático en Ecoloxía da Universidade de Vigo

Iniciou a súa carreira académica na Universidade de Oviedo, onde se doutorou en Bioloxía no ano 1990. Trala realización de estadías no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido e no Rosenstiel School of Marine and Atmospheric Sciences de EEUU incorporouse ao Instituto de Investigaciones Marinas do CSIC, en Vigo, no 1993. Poucos meses despois acadou unha praza como profesor titular interno de Ecoloxía na Universidade de Vigo, para converterse máis adiante en profesor titular e, no 2011, en catedrático.

Actividade docente

O profesor Emilio Fernández imparte docencia no grao de Ciencias do Mar. Tamén forma parte do corpo docente dos másteres en “Xestión do desenvolvemento sostible”, “Bioloxía mariña” e “Oceanografía” e dos programas de doutoramento en Bioloxía Mariña e Acuicultura” e “Bioloxía de Organismos e Ecosistemas” da Universidade de Vigo, así como no programa de doutoramento de  “Oceanografía y Biología de los Recursos Acuáticos” da Universidade de Oviedo.

Actividade investigadora

A súa investigación, avalada pola súa participación en 25 proxectos, 15 deles como investigador principal, céntrase na oceanografía biolóxica e na ecoloxía mariña; en particular, estuda a composición e distribución do fitoplancton e a súa relación coa variabilidade física das capas superiores do océano. Conta con preto de 150 artigos publicados, que acumulan máis de 2500 citas.

Xestión

Emilio Fernández é o director do Campus do Mar desde o ano 2010. Con anterioridade, foi Director Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.