“A distancia entre Ourense e Vigo é a mesma que entre Vigo e Ourense”

Emilio Fernández destacou a importancia da descentralización no primeiro debate da campaña electoral

A descentralización e especialización dos campus e o deseño dunha estratexia a medio prazo para a Universidade foron os elementos centrais que apuntou Emilio Fernández, candidato a reitor da Universidade de Vigo pola iniciativa Ideas que Suman, na súa participación no primeiro debate do período electoral. O campus de Ourense foi o lugar elixido para este encontro, no que participaron, ademais dos candidatos a reitor, as persoas propostas para ocupar a Vicerreitoría do campus, Javier Rodríguez Rajo e Mª Esther de Blas Varela.

En referencia ao campus de Ourense, Emilio Fernández afirmou que “vai poder decidir sobre o seu futuro”, destacando o papel que deben ter os Consellos de Campus e a necesidade de dotar de competencias plenas ás Vicerreitorías de campus para acadar a descentralización. “A distancia entre Ourense e Vigo é a mesma que entre Vigo e Ourense” afirmou.

Javier Rodríguez Rajo reforzou esta idea ao apuntar que “non é de recibo que para arranxar unha porta estragada ou unha luz que se fundiu teña que vir alguén desde Vigo”. Amosouse orgulloso dun campus no que, a pesar dalgunhas eivas que é preciso solucionar, un 50% dos estudantes son de fóra da cidade ou da provincia e no que se acadou nos últimos anos unha matrícula do 103%.

Emilio Fernández incidiu na relevancia de dota a Universidade dunha nova estratexia, “cunha visión do que queremos ser dentro de 10 ou 15 anos”, nunha Universidade de diálogo e escoita continua e cunha aposta decidida polos campus de especialización. Destacou, así mesmo, que o esquema do debate correspóndese coa visibilidade que a candidatura quere acadar para a Universidade; segundo o candidato, a imaxe da Universidade de Vigo ten que ser proxectada socialmente a través dos medios de comunicación e por este motivo desde Ideas que Suman se propuxo que os debates sexan moderados por xornalistas.

Para o estudantado propuxo a posta en marcha de prácticas preprofesionais de calidade, mentorización por pares, un programa de bolsas de colaboración con centros e departamentos para 600 estudantes en catro anos e medidas para acadar a igualdade de oportunidades para estudantes con dificultades económicas aos que as bolsas actuais non chegan.

A aposta por acadar unha dedicación máxima de 240 horas para o profesorado e o apoio aos grupos de investigación que atravesan dificultades foron outros dos aspectos mencionados, así como un plan de captación para que os talentos posdoutorais poidan quedar na institución. Con respecto á xestión, mencionou que a situación burocrática é inasumible e apostou pola figura do xerente e a dixitalización para tratar de solucionala. Destacou tamén a necesidade de remodelar o proceso de formación do persoal de administración e servizos e de evitar externalizacións e parches no sistema que non son a solución.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *